Estudiocaravana presenta dende A Coruña unha tecnoloxía para facilitarnos o envío de tarxetas de visita dixitais

luns, 21 de outubro do 2013 Fernando Sarasketa

Os días pasados presentouse na nosa terra un deses servizos que significan boas novas dende tódolos puntos de vista dende o que se miren: dende o da innovación, dende o do produtivo, dende o prisma da comodidade do cidadán de a pé. E co engadido de que se trata de tecnoloxía galega. Falamos de Cuicard.com, unha aplicación que permite enviar tarxetas de visita dixitais e que segundo nos contan os seus desenvolvedores, Javi e Edu (Estudiocaravana), axúdanos o resolver o principal problema da práctica da achega de tarxetas tradicionais: o traballo que dan. De feito, a tecnoloxía amosada por Javi e Edu céibanos de tarefas como a impresión e de atrancos como a imposibilidade de actualizar datos nos formatos analóxicos ou o risco de que as tarxetas se extravíen. Cuicard.com, neste senso, aglutina e fai visual a que poderiamos situar como principal vantaxe do dixital: a vantaxe de non ter que andar dun lado para outro facendo cousas.
“Unha cuicard”, explican, “é un correo electrónico con formato preconfigurado que se crea e se envía desde Cuicard.com para amosar os datos de contacto do usuario cunha estrutura clara e un deseño coidado”. A aplicación, contan, baséase en tecnoloxías estables e estendidas, como a Web e o correo electrónico. De feito, explican facendo referencia ao axeitado deste intre para presentar unha tecnoloxía como a súa, “o HTML5 é hoxe en día unha linguaxe madura, potente e afianzada de abondo en tódolos teléfonos móbiles, o email pola súa parte é un recurso universal (todo o mundo ten polo menos unha conta e sabe manexala), de baixo custo (en moitos casos gratuíto), persistente (a capacidade de almacenamento é case ilimitada) e accesible desde calquera dispositivo”. Cuicard.com é polo tanto un desenvolvemento fillo do seu tempo, e aproveita o devandito como materia prima para afianzarse e medrar, “enfocándose claramente ao teléfono móbil”, engaden, “dado que a súa ubicuidade nas nosas vidas fai que poidamos utilizalo en case calquera situación”.
Isto é o que nos contan acerca do seu funcionamento: “Un usuario que se conecte a Cuicard.com desde o navegador do seu smartphone pode completar a súa cuicard cos datos que queira compartir e configurar o seu deseño, de maneira rápida e intuitiva, e estes datos almacenaranse na memoria do navegador e estarán dispoñibles cada vez que se conecte á ferramenta”. E engaden: “No momento en que queira mandalos a outra persoa só ten que pedirlle o seu correo electrónico e introducilo na cuicard”. Así, ao premer en enviar o destinatario recibirá eses datos nunha tarxeta dixital que será correctamente visualizada en calquera xestor de correo, xa sexa nun ordenador, tablet ou teléfono móbil. Como adxunto, tamén recibirá unha vCard que lle facilitará a súa importación na axenda do teléfono. Por outra parte, o usuario recibe no seu correo unha copia da cuicard mandada. Deste xeito, pode saber que datos enviou, a quen e a que hora e consultalo sempre que queira.

Os integrantes do selo coruñés Estudiocaravana


O servizo, como dixemos creado polo pequeno estudio de desenvolvemento web coruñés Estudiocaravana, é de balde e non precisa que o usuario cree ningunha conta nin instale ningún programa no seu smartphone para comezar a empregalo. Ademais, a súa interface permite ser visualizada desde calquera móbil, con independencia do navegador ou sistema operativo. Segundo informan Javier Garrido e Edu Poch, “en breve estará ao alcance da man dos internautas unha versión de pago para profesionais”. Os interesados en probalo gratis durante 30 días poden ir á web do servizo e deixar o seu correo electrónico.
O equipo
Estudiocaravana son Javier Garrido e Edu Poch. Asentados na Coruña, levan desde 2011 deseñando e programando proxectos web “nos que a usabilidade é o seu punto central”, como a revista de arquitectura Tectonicablog.com, o catálogo de premios de arquitectura Arquia / Próxima ou a versión beta da aplicación para adestramento online Train2Go.