Estrella Galicia impulsará media ducia de proxectos IoT e de intelixencia artificial

mércores, 3 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

A palestra de emprendemento innovador de Estrella Galicia, The Hop, xa ten gañadores. Os responsábeis da iniciativa, unha plataforma de lanzamento de proxectos altamente innovadores (proxectos de Intelixencia Artificial, de Big Data, de Internet das Cousas, de robótica, de aplicacións ou de bots) na que participaron un total de 130 propostas achegadas por 420 emprendedoras e emprendedores dunha manchea de países, decidiron recoñecer os esforzos das novas firmas Trucksters, Talentoo, Flexsas, Estrella-Day, Data Monitoring e Barley.
Todas elas darán o seu chimpo empresarial da man da compañía cervexeira galega, que apoiará a estes equipos de mozas e mozos emprendedores nos seus proxectos dixitais.
Trucksters
A tecnoloxía desta startup facilita ás empresas de transporte acceder a unha rede de condutores para que estes fagan relevos na estrada e conduzan un mesmo camión ao longo dun traxecto de media e longa distancia. A solución axuda a optimizar o traslado do produto por estrada e chegar a novos mercados de forma máis eficiente e económica.
Talentoo
Trátase dunha plataforma de selección de persoal, cun modelo B2B, que conecta a empresas contratadoras con seleccionadoras de forma sinxela e baixo un rexistro de balde. Segundo informaron os seus impulsores, o sistema mellora os custosos procesos de emprego, “actuando como único intermediario e provedor”.
Flexsas
É un mercado en liña para solucións de almacenamento baixo demanda. Conecta a distribuidores e outros axentes do sector con operarios de almacéns. A iniciativa conta con centos de socios e apoios en Brasil, desde onde xestionan a distribución nas distintas canles de retail co obxectivo de reducir custos e aumentar as vendas en zonas máis remotas.
Estrella-Day
A tecnoloxía de Estrella-Day pretende prover cervexa fría a clientes nunha hora, grazas á migración cara ao que se coñece como Same-Day-Delivery (entrega inmediata nun mesmo día). O obxectivo é optimizar as operacións a tempo real e conseguir novos consumidores, ao crear novas liñas de negocio e potenciar as existentes.
Data Monitoring
Esta solución consiste en deseñar, fabricar e programar un dispositivo de seguimento e monitoraxe con IoT (Internet of Things, Internet das Cousas), de baixo custo e adaptado aos barrís de cervexa de adega. Doutra banda, inclúe unha app móbil desde a que controlar distintos parámetros cos que poder facer estudos sobre o estado e o consumo do produto, así como a loxística para reposicións.
Barley
Trátase dunha plataforma de xestión e intelixencia orientada a bares, distribuidoras e produtoras de cervexa. Grazas aos caudalímetros IoT que pon en xogo, xérase a información a gran escala (Big Data) precisa para crear solucións de analítica, optimizar a toma de decisións, ofrecer un mellor servizo e aumentar vendas.
Seguintes pasos
A compañía cervexeira incorporará os diferentes proxectos e iniciativas dixitais aos seus procesos e actividade empresarial. As startups colaboradoras no programa recibirán, pola súa banda, a formación, o seguimento, o asesoramento e o impulso necesarios para desenvolver e acelerar os seus proxectos desde esta contorna de creación aberta.
18 proxectos finalistas de entre máis de 130 inscritos
O obxectivo con The Hop pasa por identificar talento, desenvolver emprendemento tecnolóxico e fomentar a colaboración de Estrella Galicia con startups e mozos emprendedores.
Desde a presentación do programa, o 31 de maio, a comunidade de hoppers rexistrou máis de 130 propostas, das cales só 18 proxectos resultaron preseleccionados.
Durante a mañá do día da entrega de premios (onte martes), os equipos finalistas tiveron a ocasión de defender as súas solucións perante os membros do xurado, cuxa resolución final produciuse pola tarde.
A partir de agora, as firmas innovadoras finalmente seleccionadas por The Hop poderán achegar valor engadido coas súas solucións tecnolóxicas ás diferentes áreas estratéxicas da cadea de valor da cervexeira galega, como son as de comercialización, fabricación e calidade, xestión, loxística e aprovisionamento, e mercadotecnia, entre outras.
Cada un dos equipos gañadores recibirá un premio en metálico de 10.000 euros, non sen antes pasar pola Experiencia The Hop, un período de inmersión corporativa e cultural no que aprenderán desde A Coruña como facer medrar de maneira exponencial os seus proxectos e desenvolver as súas metas.
Ao acto acudiu tamén o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que salientou na entrega dos Premios The Hop que “os galegos somos innovadores, vivir na esquina de Europa non é fácil, e interésanos moito o talento e as iniciativas emprendedoras. Aos premiados dígolles que son afortunados por poder traballar xunto a unha empresa como Estrella Galicia e tamén considero que a compañía é moi afortunada por poder traballar con tanto talento”.

PUBLICIDADE