Este venres celebrarase o primeiro encontro de emprendedores Iniciador Coruña

mércores, 22 de abril do 2009 Marcus Fernández

O venres ás 19:00 horas comezará en ITE Caixa Galicia (A Coruña) o primeiro Iniciador Coruña, evento de emprendedores para emprendedores que pretende converterse nun foro onde compartir coñecemento e experiencias en persoa, de xeito que se poida falar relaxadamente de temas como a busca de financiamento, plans de negocio e outros moitos asuntos que interesan a emprendedores, principalmente do sector tecnolóxico (dos que moitos xa confirmaron a súa asistencia a través de Facebook).
Este tipo de actos xa se celebraron en cidades coma Sevilla, Santander ou Castellón, e nesta primeira experiencia galega da iniciativa, o relator principal será José Ramón García, presidente de Blusens, que falará da súa experiencia e dos retos que supón emprender en Galicia.
BiboBido, empresa do lugués Jacobo Lázare, patrocinará o evento no seu segundo acto (nun local por determinar), e entre a organización tamén están David Pombar, David Táboas e María Encinar.

José Ramón García, co-fundador de Blusens