Bidobido.com: unha innovadora tenda en liña posta en marcha dende Lugo
venres 27 de marzo do 2009, por | |
| Compartir |
Agora que o espírito da Web 2.0 (o participativo e social) xa se dá por sentado e que xa criamos que non había nada que inventar nun panorama Internet que ás veces dá sinais de ser un campo de fútbol saturado de xogadores, cómpre convencernos unha vez máis do contrario: aquí collemos todas/os e, ademais, todas/os temos capacidade abonda para marcar un gol. Disto trata un pouco a historia de Bidobido.com, unha páxina web posta en marcha dende Lugo e que a xuízo de El Navegante está chamada a repropoñer de arriba a abaixo os tecidos actuais do comercio electrónico. A web, que é unha unión innovadora entre tenda en liña e empresa de distribución con prezos competitivos, abre as súas portas esta semana partindo dunha arela que, malia o seu compoñente razoable, non se aplica tanto como se debera no resto das iniciativas comerciais en liña: o interese –nin máis nin menos- de achegarse ao máximo número de compradores potenciais que fan uso da Rede.
Unha das claves do asunto é sen lugar a dúbidas a seguridade posta en xogo: “Os subministros son seguros, posto que o comprador paga o importe da súa compra e nós retémoslle o pago até que lle chega o envío”, explican os responsables do novo servizo.
Amais, hai que ter en conta o factor prezo, case de balde para os usuarios, e máis unha tarifa de prezos para os envíos ao alcance de todos os petos (froito de acordos coas firmas Seur e UPS).
Tal e como se detalla en El Navegante e para facérmonos unha idea, o traslado concreto dun paquete dende Madrid a Lugo remata por ser entre 12 e 14 euros máis barato que a través de calquera outra canle. O truco: terlles deixado a porta aberta ás empresas de mensaxeiría e loxística, actualmente á procura de nichos no mercado xurdido ao abeiro da Rede. Por certo que para quen teña dúbidas sobre o nome posto en xogo para a firma, Bidobido, dicir que non ofrece nada máis que o que se ve a simple vista: un termo que é coma un xogo de letras e sílabas e, precisamente por ser como é, ten potencial para calar fondo en calquera país.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68














