Este mes sae á venda unha nova tableta Amazon Fire HD 8

venres, 9 de setembro do 2016 Marcus Fernández

A partires do 21 de setembro poderase adquirir en España unha nova versión da tableta con pantalla de 8 polgadas de Amazon, a Fire HD 8, que ten un prezo de 109,99 euros para o modelo de 16 GB con ofertas especiais, incrementándose o prezo en 20 euros se queremos o modelo de 32 GB ou en 10 euros se queremos prescindir da publicidade integrada no trebello.
Teriamos así unha tableta cun prezo bastante axustado, que resulta bastante práctica para a reprodución de contido de alta definición na súa pantalla IPS de 8 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles; que consegue un desempeño aceptable grazas ao seu procesador de catro núcleos a 1,3 GHz; que cos seus 1,5 GB de RAM consegue un rendemento superior ao da tableta de 7 polgadas de Amazon; e que presume dunha autonomía de até 12 horas, polo que resulta un produto moi práctico para numerosos usos no noso día a día.
Cómpre detallar que as cámaras da tableta son de só 2 e 0,3 Mpíxeles e a conexión sen fíos limítase á Wi-Fi N (aínda que de dobre banda), polo que queda máis que claro que non estamos precisamente ante un dispositivo de alta gama, pero que pode ser dabondo para o consumo multimedia e incluso para o seu uso como lector de libros electrónicos, xa que inclúe software para facer tal, contando incluso cun modo de funcionamento que reduce a luz azul (supostamente para non prexudicar ao descanso nocturno), resultando un trebello moi atractivo para os que a pantalla de 6 polgadas dos Kindle normais resulta demasiado cativa.

A tableta de Amazon permite gozar de contidos en alta definición

PUBLICIDADE