Entréganse en FICOD os galardóns ás mellores webs .es

mércores, 18 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

O Foro FICOD segue a dar que falar, tanto a nivel expositivo como no recoñecemento a iso que se expón. Hoxe mesmo, durante a segunda xornada da feira tecnolóxica española, foron entregados os premios do concurso ás mellores webs .es, organizado cunha finalidade dupla: celebrar o vixésimo aniversario dos dominios .es e, tamén, recoñecer os esforzos feitos a prol de afianzar a Rede no eido estatal. Os galardóns, achegados pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Red.es, salientaron o labor de particulares e empresas a prol de obxectivos de ben xeral e particular como por exemplo a accesibilidade, a innovación, o apoio ao desenvolvemento de Internet ou a creatividade.
En total, foron case 100 webs as que se presentaron ao concurso, que contou na súa gala final coa presenza do director xeral de Red.es, Sebastián Muriel, quen aproveitou a ocasión para facer un percorrido polos 20 anos da extensión .es, á que cualificou de espello social que reflicte a historia recente de España.
Por certo que na gala tamén participou Google, concretamente facendo entrega do galardón especial á empresa Grupo Ansareo AEG, propietaria da web meaztegigolf.es. O premio en cuestión incluíu un cheque por valor de mil dólares de publicidade de balde no programa Google AdWords.
A continuación, damos conta da relación de premiados:
www.20minutos.es
www.aeccjunior.es
www.aena.es
www.castillalamancha.es
www.arsys.es
www.cocacola.es
www.elmundo.es
www.gallinablanca.es
www.guggenheim-bilbao.es
www.habbo.es
www.meaztegigolf.es
www.nestle-tv.es
www.nickelodeon.es
www.oscarvelazquez.es
www.pulevasalud.es
www.rtve.es
www.seg-social.es
www.serviweb.es
www.simyo.es
www.vodafone.es

PUBLICIDADE