En marcha unha guía de recursos sobre a nosa riqueza lúdica
xoves, 3 de agosto do 2017
Se hai unha figura á que acudir cando buscamos
información sobre brinquedos e actividades lúdicas populares
galegas, sen dúbida esta figura é Paco Veiga, da Asociación Galega
do Xogo Popular e Tradicional. Del
temos falado en Código Cero para dar conta da páxina do
devandito colectivo, agxpt.gal, e do
seu traballo catalogando e mostrando perante o mundo máis dun cento
de xogos tradicionais galegos. Tamén temos dado conta da importancia
da dita web en materia de recursos e documentación sobre os nosos
múltiples xeitos de xogar, incluído o catálogo de actividades
lúdicas populares. Destes vimbios, precisamente, e combinando todo
cun xeito participativo de facer Rede (que é, tamén, un análogo
xeito de brincar) vén
de xurdir a que sería a primeira base de datos en liña sobre xogos
tradicionais da nosa terra. Comeza a súa andaina con máis de
200 recursos e acubilla empresas, asociacións, clubs, centros
educativos e fabricantes de brinquedos. A iniciativa conta co apoio
do Consello da Cultura Galega.
Segundo puidemos saber, a finalidade do proxecto é
atender a necesidade crecente de información sobre a riqueza lúdica
galega, unha demanda que non para de medrar e que ten o seu reflexo
nas redes e nos múltiples faladoiros abertos sobre a cuestión. A
iniciativa, a maiores, xorde directamente da cooperación: moitas
mans cunha arela común de facer preservar o que somos e como
aprendemos xogando a ser o que somos. Tralo proxecto atópanse
empresas e colectivos como ETNOGA, Melga, Xotramu, Tempo de Xogar,
Brinquedia ou a devandita Asociación Galega de Xogo Popular e
Tradicional.
Segundo reflicte o propio Paco Veiga para Sermos
Galicia, para darlle forma á base de datos houbo que ir colleitando
a información aos poucos e recuperar os dados “case a conta
gotas”. Engade que malia ser o patrimonio lúdico galego un dos
máis ricos da Península, o xogo tradicional é un eido do que
apenas hai información ata comezos do século XIX e non foi ata a
recta final dos anos 90 do noso século cando se comezaron a pór en
marcha contribucións globais. Esta liña de traballo culmina de
facto coa base de dados recentemente presentada, unha “obra en
permanente construción” na que podemos atopar descricións dos
propios xogos ou fondos documentais e bibliográficos, amais de
recursos en liña e musicais. A páxina web pode atoparse en
www.xogostradicionais.gal
e www.xogospopulares.gal .
