En marcha un concurso musical en liña en homenaxe a Carvalho Calero
venres, 30 de xullo do 2010
A Associaçom Galega da Língua (AGAL) e máis o portal de música en galego Komunikando.net veñen de pór en marcha un concurso en liña para recoñecer e promover a creatividade dos músicos da nosa terra que á súa vez recoñecen e promoven os valores culturais propios de seu. Segundo fan saber as entidades organizadoras deste certame, que xa está en marcha e do que xa podemos consultar as bases, a agrupación ou o artista que acade meirande repercusión recibirá un “estupendo premio”. Este vai consistir nunha semana nun estudo profesional para gravar os temas que o gañador ou gañadores consideren oportunos, incluíndose a maiores tres días máis para as mesturas e a masterización do disco. A obra resultante incluirá a canción enviada ao certame, e atopará publicación a través de Creative Commons, licenzas que deixan marxe para a liberdade de uso sempre en cando se recoñeza a autoría.
O concurso, aberto a tódolos grupos e solistas de calquera estilo musical, é tamén unha homenaxe á figura de Ricardo Carvalho Calero, filólogo e escritor galego que salientou entre outras moitas cousas por ter impulsado e defendido o achegamento entre culturas irmás: a galega e a portuguesa.
Volvendo ás bases do certame, dicir que o único que teremos que facer para participar é enviarlle á organización unha canción en formato MP3, canción que logo aparecerá para libre escoita no Portal Galego da Língua e máis en Komunikando.net.
