En marcha meucelta.com para levar a información do club a toda a comunidade de seareiras/os espallada no mundo

luns, 6 de agosto do 2012 Fernando Sarasketa

Este verán as seareiras e seareiros do fútbol galego, máis polo miúdo do Celta de Vigo, están certamente de celebración. E non só porque o Celta subise a Primeira División, aínda que por suposto tamén, senón pola posta en marcha de meucelta.com, unha nova páxina deportiva, na nosa lingua, desenvolvida a raíz do traballo conxunto dun grupo de rapaces e rapazas cunha afección en común: o apoio ao devandito equipo galego. O seu obxectivo: pór ao alcance de tódolos celtistas, estean onde estean, información puntual, actualizada e independente do devandito club.
A páxina, sinalan os seus responsábeis, “é unha web feita por celtistas e para todo o celtismo, con independencia do seu lugar de procedencia ou orixe”. O lema co que se presenta a web ao mundo fala por si só das intencións de marcar diferenzas e achegar algo distinto: As novas do Celta como nunca as viras.
Entre os contidos cos que se está a consolidar no panorama en liña, salientan o traspaso de Joselu ao Hoffenheim ou o interese do Celta por Gastón Fernández do que se fala na prensa arxentina. A páxina web é sinxela, con seccións habilitadas de presentación, de Novas, Crónicas, Entrevistas ou Opinión, e constituíndose como un medio informativo colectivo, con piares firmes nas redes sociais e con feitura de blog.

PUBLICIDADE