El Corte Inglés comercializará os produtos Google Home

luns, 28 de maio do 2018 Marcus Fernández

Sen que chegase unha confirmación oficial de que, como adiantaron en La Vanguardia hai unha semana, os altofalantes Google Home e Google Home mini fosen chegar a España no mes de xuño, nas últimas horas puidemos ver o que poderiamos considerar como unha confirmación extraoficial, xa que a tenda en liña de El Corte Inglés puxo accidentalmente á venda o altofalante Google Home a un prezo de 149 euros, mentres que o Google Home mini vendíase a 59 euros.
Deste xeito sabemos que non só a propia Google e Media Markt venderán estes interesantes produtos que suporán a chegada a España dos altofalantes con asistente de voz, senón que tamén El Corte Inglés participará da comercialización, dando a entender que serán bastantes as canles a través das que adquirir este tipo de produto novo no noso mercado, e que non chegaría so, xa que na páxina web de El Corte Inglés tamén listaron produtos como o router Google Wi-Fi, produto que busca facilitar a creación de redes sen fíos de tipo maia, para así poder conseguir unha boa cobertura en todo o fogar repartindo varios destes routers en función do tamaño da vivenda. Un destes routers soltos custaría 139 euros, mentres que o lote de 3 tería un prezo de 359 euros, o que semella un prezo elevado, pero en certos escenarios resulta unha solución ideal e sinxela de configurar para ter unha boa conexión á rede en toda unha vivenda.
No que respecta aos altofalantes conectados, cómpre lembrar que son produtos moi versátiles, que permiten conversar co Asistente de Google, escoitar música e incluso controlar centos de produtos de domótica coa voz, de aí que resulte de interese para un abano bastante amplo de usuarios.

PUBLICIDADE