Crístóbal Cuenca, de Clarity AI, falará en Ferrol do potencial das tecnoloxías para compatibilizar riqueza e ben social

luns, 16 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

Cristóbal Cuenca Almenar, experto en Intelixencia Artificial e doutor en Física de Partículas pola Universidade de Valencia, estará este venres 20 de setembro en Ferrol, ao abeiro do ciclo Café con Ciencia, para falar da súa experiencia investigadora en sistemas intelixentes e no desenvolvemento de aplicacións fintech innovadoras, rendíbeis e centradas nas persoas, no ben social e na sustentabilidade. A cita, que vén da man da empresa Ártabro Tech e a Universidade da Coruña, celebrarase no salón do primeiro andar do Casino Ferrolán, ás 19.30 horas.
Segundo nos lembran Ártabro Tech e a UDC, Cristóbal Cuenca conta cunha longa carreira como investigador en España e no estranxeiro. Amais, ao abeiro da startup Clarity AI, na que traballa, desenvolveu unha ferramenta para orientar os investimentos financeiros non só polo seu rendemento económico, senón tamén polo social e ambiental. O seu relatorio convócase baixo o seguinte epígrafe: Ciencia de datos para investir nun mundo mellor.
En palabras de Ártabro Tech, a empresa de Cristóbal Cuenca é un exemplo de como a tecnoloxía pode enfocarse a mellorar o mundo. A súa creadora, Rebeca Minguela (incluída na lista dos 100 emprendedores de menos de 40 anos máis influentes do Foro Económico Mundial) lanzou Clarity AI co convencemento de “que a tecnoloxía pode ser unha ferramenta para combater a desigualdade”.
A startup desenvolveu un software que determina, a través da análise dunha enorme cantidade de datos, cal é o impacto ético, social e ambiental dos investimentos, é dicir, busca o mellor lugar para poñer o diñeiro, pensando no ben dos petos propios pero tamén nos petos alleos, no desenvolvemento integral e no beneficio da contorna natural.
Cristóbal Cuenca desenvolveu a súa actividade científica no laboratorio Fermilab, en Chicago, onde realizou a súa tese doutoral, e no CERN como investigador postdoutoural en proxectos para a Universidade Irvine e a Universidade de Yale. Cursou un MBA no IE Business School en Madrid e traballou no eido da Ciencia de Datos en diferentes empresas.

PUBLICIDADE