Creada unha nova web para promocionar o Ano Santo 2010

martes, 2 de febreiro do 2010 Raquel Noya

Co principal obxectivo de promocionar o Camiño de Santiago por todo o mundo baixo unha única imaxe de marca común e inconfundible, unha empresa de deseño galega (Enxeño Galicia), en colaboración coa arquidiocese de Compostela, de 35 municipios galegos e de varias empresas e asociacións turísticas do país, vén de crear unha nova web 2.0 vinculada ao Ano Santo Xacobeo 2010, unha plataforma que baixo o nome Encaminate.com, aglutina toda a oferta do Camiño nunha sola plataforma virtual aberta a todo o mundo.
A web, que incorpora numerosas ferramentas tecnolóxicas para que o público interactúe en liña con todo o que lle interese sobre o Ano Santo, parte dunha iniciativa privada que persegue, segundo palabras do director da empresa, Modesto Gómez, “converterse nunha plataforma social interactiva única que axude a potenciar Santiago e Galicia”.
O obxectivo é dar a coñecer o Ano Santo en todo o mundo, e baixo o lema “Galicia te espera en Santiago”, os deseñadores xogaron coa imaxe dun círculo cunha x, que pretende ser ao mesmo tempo a x de Xacobeo, o dez en números romanos do ano e unha cruz, simboloxía relixiosa por excelencia.

Modesto Gómez, director de Enxeño Galicia, durante a presentación da nova páxina web que busca promocionar o Camiño de Santiago

Aproveitando esta marca, Enxeño Galicia trasladou a iniciativa ás novas tecnoloxías a través dunha web 2.0 para a súa "socialización" e "democratización", coa intención de que todos participen na promoción do Ano Santo.
A web, que conta xa co apoio de 35 municipios e de varias empresas e administracións, presenta unha ferramenta cun alto grao de interactividade adaptada aos diferentes segmentos de idade, que permite unha navegación rápida e doada grazas ao seu concepto visual e gráfico.
Entre as seccións que ofrece o sitio destaca a Guía do Camiño de Santiago, onde a modo de mapa de metro, os internautas poden atopar información de utilidade sobre os diferentes equipamentos que hai nos concellos polos que pasa a ruta.
Outro apartado que destaca especialmente é o Xestor de eventos, que permite organizar actividades baixo demanda e de forma prepago para que calquera persoa interesada traia a Santiago e a Galicia os eventos que desexe.
Asemade, podemos citar a sección Encamina2, que lle posibilita aos usuarios intercambiar opinións sobre a ruta así como a Tenda Online, na que se poden adquirir todo tipo de produtos exclusivos de orixe galega que ofrecen as tendas asociadas.
Pero a iniciativa non queda na Rede e a intención de Enxeño Galicia é agora poñer en marcha un xornal de distribución gratuíta en papel que sairá a partir de Semana Santa con novas relacionadas co Camiño; unha canle de televisión a través de YouTube e a inclusión da plataforma en varias redes sociais para potenciar a “suma de esforzos” na promoción do Camiño de Santiago.
A intención dos creadores do proxecto é que este portal se convirta “nunha ponte de todo o relacionado co Camiño”, así como “nun catalizador da oferta fragmentada que ata agora hai noutras webs”.
O portal responde a un traballo de sete meses de intenso labor xa que antes de lanzalo fíxose un test de usabilidade entre 200 persoas de diferentes culturas de fala hispana, que deron a súa opinión sobre a utilidade e a funcionalidade desta ferramenta interactiva.
A web, que destaca pola súa orixinalidade e a creatividade dos deseñadores, preséntase en español, galego e inglés, porén sairá en breve unha nova versión en francés, para facela, se cabe, aínda máis universal.