Coremain lanza un software orientado a facilitar a xestión dos institutos de I+D: o software Gesteo

venres, 4 de abril do 2014 Fernando Sarasketa

Exterior da sede de Coremain en Santiago

A empresa galega Coremain, con base en Santiago, informou esta semana que xa iniciou a distribución do software Gesteo, un produto de seu lanzado para facilitar a xestión dos institutos de investigación. O proceso de comercialización vaise levar a cabo, polo de agora, no mercado estatal. Con todo, a previsión é exportalo en datas vindeiras dende a súa sede de negocios en Norteamérica, tirando proveito da recente apertura de oficina en México, onde como sinalamos recentemente dende Código Cero a compañía Coremain puxo en marcha xa operacións de tipo comercial.
Segundo informa a firma que dirixe dende febreiro do ano pasado Luis Álvarez Sestelo, a investigación e a innovación representan hoxe en día “un obxectivo irrenunciábel das sociedades modernas, nas que unha das súas prioridades esenciais é a saúde da poboación”. De feito, engaden fontes da empresa, “no eido das ciencias da saúde os institutos de I+D amosan a estrutura organizativa máis avanzada das que existe a nivel estatal, unha estrutura ao servizo da xeración de coñecemento”. Malia isto, ou mellor dito debido a isto, son precisos unha serie de elementos que contribúan a unha óptima organización, xestión e recuperación dos datos da actividade investigadora, “elementos de medida da actividade que afectan a diferentes esferas”.
O sistema Gesteo actúa precisamente sobre o devandito, xa que é un recurso “capaz de proporcionar de maneira integrada información da actividade financeira, da científica (recursos humanos, liñas de investigación), da produtiva (publicacións científicas, teses doutorais, patentes) e da formativa, e todo para ter unha visión global da actividade desenvolvida”. Noutras palabras, Coremain fornece con Gesteo a resposta a unha importante demanda emitida dende a xestión e dirección dos institutos de investigación.
O software en cuestión foi desenvolvido xunto ao IIS do Gregorio Marañón. Trátase polo tanto dunha plataforma que presta soporte integro á xestión e actividade que se desenvolve nun centro de I+D e que é quen de abranguer todos os procesos levados a cabo neste centro ou instituto, amais de permitir o mantemento dos mesmos. Tamén permite o rexistro de toda a información que se manexa, a confección do coñecemento xerado, a elaboración de informes e estatísticas, o apoio á xestión administrativa e o estudo da actividade a través da xeración de indicadores. Todo “coa finalidade de facilitar a toma de decisións e proporcionar á xerencia unha ollada global no desenvolvemento do traballo do instituto e dos seus traballadores.
Esta ferramenta tamén posibilita manter a información actualizada e integrada nun repositorio único, accesíbel a través de tecnoloxía Web e cun nivel de acceso controlado por permisos, a partir dos distintos perfís asignados a cada usuario. “Gesteo”, engade Coremain, “aliméntase de datos do instituto ao que dea servizo en todos os seus ámbitos: científico, administrativo, económico-fiscal, de avaliación, de auditoría, de información e comunicación, etc”. Por outra banda, xestiona información rexistrada con métodos normalizados para que estea homoxeneizada e poida ser comprendida e utilizada por todos, impulsando a colaboración e coordinación entre profesionais e institucións implicadas.

PUBLICIDADE