Coremain celebrou o Día da Muller na Ciencia facendo unha proclama pola igualdade

xoves, 20 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

A semana pasada celebrouse o Día da Muller e a Nena na Ciencia e na Tecnoloxía e entre as entidades e empresas que se adheriron ás conmemoracións (todas elas co nexo común de mostrar as importantes contribucións femininas aos ditos ámbitos, amais de incidir na necesidade de seguir fomentando a presenza das mozas nas carreiras STEM) atopábase a tecnolóxica Coremain, unha das empresas do sector máis comprometidas con fomentar a igualdade no seu equipo profesional (está, de feito, á cabeza das empresas galegas en igualdade de xénero, segundo o Informe Ardán 2019).
Con motivo da dita xornada, a firma compostelá lanzou un comunicado-chamamento para facer fronte común a prol de “derrubar as barreiras coas que aínda se atopan as mulleres para acceder aos sectores da ciencia, a tecnoloxía, a enxeñería e as matemáticas (STEM), cuxa brecha de xénero”, informaron as profesionais de Coremain engadindo que esta fenda “persiste desde hai anos en todo o mundo”.
Desde Coremain, indicaron, “loitamos cada día pola igualdade de xénero na nosa empresa, e conseguímolo grazas ao plan de igualdade transversal que vimos desenvolvendo de maneira colaborativa e para o que creamos unha Comisión de Igualdade encargada de avaliar e realizar o seguimento das diferentes medidas postas en marcha”.
Actualmente, o 33,25% dos traballadores de Coremain son mulleres (135), das cales o 76% teñen contratos indefinidos. Amais, o 46% dos postos de responsabilidade da nosa empresa están ocupados por mulleres. “Cada día reafirmamos o noso compromiso para seguir loitando pola equidade e a igualdade de xénero na nosa empresa”, explicaron.

PUBLICIDADE