Compostela pon sobre a mesa o seu proxecto smart ante 150 expertos estatais

luns, 29 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

O proxecto Smartiago, destinado a converter Compostela nunha Smart City (unha cidade máis sustentábel, eficiente, intelixente e mellor xestionada e comunicada, materializado todo a través da fórmula da compra pública innovadora), vén de ser presentado nos seus detalles nunha xornada de traballo sobre proxectos estatais e europeos de Cidades Intelixentes. A cita Smart Heritage City celebrouse en Tarragona e reuniu 150 participantes: investigadores, técnicos e responsábeis municipais procedentes de todos os recantos do Estado. Acubillou cinco mesas de traballo. A iniciativa compostelá foi debullada polo xefe da Oficina de Proxectos e Infraestruturas do Consorcio, Xosé Allegue.
O evento, que veu da man do Concello de Tarragona (contando co patrocinio do Grupo de Cidades patrimonio e do Ministerio de Cultura e Deporte) xirou arredor dunha serie de temáticas concretas todas elas co nexo común de servir para buscar mellores espazos urbanos para vivir: tecnoloxías, xestión e investigación do patrimonio, metodoloxías prácticas para aplicar coñecemento smart, xestión intelixente das cidades Patrimonio da Humanidade, gamificación ou sustentabilidade.
Na mesa A xestión intelixente das Cidades Patrimonio da Humanidade interviñeron responsábeis das 15 cidades que integran a dita rede: Ángel Mariscal, alcalde de Cuenca e presidente do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade; Rosa Lara, arquitecta do Servizo de Proxectos da GMU e coordinadora Xestión do Conxunto Histórico de Córdoba; Javier Sellers, director do Consorcio Cáceres Ciudad Histórica; e Xosé Allegue, xefe da Oficina de Proxectos e Infraestruturas do Consorcio de Santiago. Como moderadora desta mesa interveu Begoña Floria, tenente de alcalde e concelleira de Patrimonio Histórico do Concello de Tarragona.
Segudno explicou Xosé Allegue, Smartiago é “un programa que busca introducir, a través do financiamento do Goberno central, procedementos de compra pública de innovación para resolver retos de sustentabilidade no ámbito da xestión dos elementos históricos declarados Patrimonio da Humanidade”.
Tamén lembrou que conta co apoio da Universidade de Santiago e da Universidade da Coruña, achegando a súa experiencia investigadora recente en tecnoloxías smart.
Máis detalles sobre Smartiago
Nunha primeira fase do proxecto, cun prazo estimado de catro anos, procurarase o desenvolvemento de solucións innovadoras para as tres liñas estratéxicas definidas no programa: xestión sustentábel e intelixente dos residuos sólidos urbanos, mobilidade intelixente sustentábel e alumeado ornamental intelixente para a conservación do patrimonio. O Goberno local xa ten presentadas estas liñas na Universidade de Santiago, co “obxectivo de que os seus grupos de investigación traballen nas solucións innovadoras que se poderían aplicar”.
Despois da primeira fase, e “de conseguir solucións satisfactorias”, o Concello implantaríaas nos servizos municipais, converténdose en primeiro cliente dos grupos de investigación e, ao tempo, en socio parceiro que cobraría royalties se outras administracións contratan as mesmas tecnoloxías.

PUBLICIDADE