Colle pulo a cuarta edición do Coworking de Barro
martes, 10 de setembro do 2019
A
Deputación
de Pontevedra e a Escola de Organización Industrial (EOI), co
cofinanciamento do Fondo Social Europeo, veñen de lanzar a cuarta
convocatoria para participar no Coworking do Viveiro de Empresas de
Barro, unha innovadora iniciativa de impulso empresarial e
profesional que nas súas anteriores convocatorias foi
quen de alentar a posta en marcha de máis de 50 empresas, unha parte
moi relevante das cales centrouse nas posibilidades das TIC para o
turismo local. Agora, coa nova edición, impulsarase a actividade
e o afianzamento doutros 20 proxectos. O coworking, que é de
balde, ten
o prazo de inscrición aberto até finais de mes.
Promoción
Co
fin de dar a coñecer as posibilidades da iniciativa, celebrarase o
día 17 unha xornada de portas abertas, no viveiro empresarial de
Barro, en horario de 13.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 17.30 horas.
Ademais está confirmada a participación da iniciativa entre os días
10 e 12 na feira MindTech (o salón do sector industrial, metalúrxico
e metalmecánico) de Vigo, e no evento do emprendemento Pont Up Store
(O impulso da xente valente), que terá lugar en Pontevedra
entre os días 19 e 21 deste mes. Alí repartiranse folletos e
divulgarase a mensaxe da oportunidade que supón para persoas
emprendedoras sumarse ao Coworking da Deputación de Pontevedra.
Como
funciona
O
espazo Coworking do Viveiro de Barro ofrece un espazo de traballo
gratuíto durante cinco meses, e abre a posibilidade de participar
nun completo programa de asesoramento personalizado impartido por
persoal experto, así como acceder a formación para potenciar as
competencias en emprendemento e en xestión. Ademais diso, ofrece
acceso aos laboratorios de fabricación dixital que se atopan no
mesmo centro. En palabras da Deputación, “sumarse ao Coworking de
Barro garante un acompañamento profesional durante o longo proceso
de maduración da idea empresarial, desde o deseño do modelo de
negocio ata a súa posta en marcha e optimización”.
En
termos concretos, o programa inclúe sesións de formación sobre
Lean Start Up, micromecenado, estratexias de comunicación en redes
sociais, creatividade e innovación, posta en marcha dun plan de
mercadotecnia dixital, finanzas, habilidades de comunicación e
xestión do talento.
Como
peche da edición terá lugar un Demo Day, durante o que se
presentan os proxectos participantes.
A
entidade provincial engade que o espazo Coworking da Deputación é
“un entorno altamente tecnolóxico, pois ofrece acceso, tamén de
maneira gratuíta, ao FabLab (Laboratorio de Fabricación Dixital) da
Deputación de Pontevedra”.
O
equipamento está formado por impresoras 3D, escáneres 3D, kits de
Arduino, fresadora de madeira, soldadores de electrónica, material
electrónico diverso, ferramentas, etc. Nestes laboratorios
desenvolveranse tamén obradoiros específicos de fabricación
dixital para promover o coñecemento e uso desta tecnoloxía,
ofrecendo mesmo a posibilidade de prototipar deseños.