Cinco mozos con discapacidade dixitalizan o arquivo de contratos da Consellería de Traballo
xoves, 14 de febreiro do 2008
As novas tecnoloxías e os recursos dixitais, dependendo de cómo se presenten, poden ser vantaxe ou dificultade para as persoas con discapacidades. Nun principio, o máis común (por triste que sexa recoñecelo) é que sexan un muro, unha interminable serie de atrancos impedindo a consecución plena dun dereito universal, o do acceso ó coñecemento. Con todo, e grazas ó traballo dunha serie de organizacións, imos descubrindo devagar que detrás do muro non hai outro muro, senón algo semellante a un eido amplo de recursos de proveito, non só de acceso á información senón laborais.
Disto, de posibidades, é do que trata precisamente o proxecto Gallaecia Inserta de Fademga Feaps Galicia, unha iniciativa posta en marcha en 2007 para favorecer a entrada real destes colectivos no tecido laboral da nosa terra, sendo unha das súas medidas máis salientables a inserción de tres mozas e dous mozos na sede de Ute-Arcade-Inforhouse (en Santiago), onde desenvolven a dixitalización de todo o arquivo de contratos e documentos da Consellería de Traballo.
O obxectivo: facilitar o labor dos profesionais do Servizo Público de Emprego de Galicia. Para Fademga, estamos ante un verdadeiro caso de mellora na calidade de vida destas persoas e perfectamente aplicable a outros colectivos. Desta volta, conseguiuse a mellora a través do emprego das novas tecnoloxías da información, malia que Gallaecia Inserta actúe tamén en moitos outros ámbitos.
Pero deixemos que sexa a propia entidade compostelá a que nolo conte, a través de Ana Valín, do departamento de comunicación de Fademga.
Reproducimos polo tanto a reportaxe emitida dende a Federación.
Falemos de persoas, por favor
Poderíase facer un caderno de bitácora con cada unha destas cinco historias, pero hoxe non iremos tan aló. Baste con botar unha ollada non ao lonxe senón ao máis próximo para dar cun bo exemplo de compromiso profesional e capacidade. Grazas a Ute-Arcade-Inforhouse, falar dunha verdadeira inserción laboral en condicións de igualdade non é un soño senón unha realidade. Así nolo contan ao menos os protagonistas, cinco mozos con discapacidade intelectual que, tras recibir a súa formación en Fademga Feaps Galicia, desenvolven o seu traballo nesta empresa compostelá. A súa función? Dixitalizar todo o arquivo de contratos e documentos da Consellería de Traballo para facilitar a labor dos profesionais do Servizo Público de Emprego de Galicia.
José Luis Gigerín, Marta Fernández, Edurne Carretón, Rebeca González e Gerardo Vázquez teñen en común un mesmo espazo laboral, a sede de Ute-Arcade-Inforhouse, onde desde o 12 de decembro traballan como unha parte máis do persoal da empresa, dixitalizando o arquivo de contratos da Consellería de Traballo. Segundo Rodrigo Massó, coordinador do proxecto, a idea de contratar persoas con discapacidade intelectual xurdiu porque “había unha necesidade e consideramos que estas persoas podían solucionala”.
Logo de varias xuntanzas entre Arcade e Fademga, decidiuse facer un verdadeiro intento e instalouse na sede da segunda entidade un servidor coa aplicación que debían aprender a usar os traballadores. Tras o proceso de formación, no que participaron 12 PCDI, a empresa compostelá contratou a cinco por un período dun ano. A Federación tíñao logrado, grazas ao esforzo e a disposición das persoas encargadas do seu proxecto Gallaecia Inserta, unha aposta que, financiada por Obra Social Caixa Galicia, busca a igualdade laboral.
A aplicación informática empregada polos traballadores foi desenvolvida pola propia empresa. “Eles son aquí unha parte máis do grupo co mesmo horario e os mesmos tempos de descanso. Todos traballan de 09.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00. Ata o de agora non houbo ningún problema, tanto así que pensamos en ampliar o número de prazas moi axiña”, explica Massó.
En canto aos traballadores en si cada un conta coa súa propia opinión sobre esta experiencia laboral. Escoitémolos:
1.- Para José Luis, por exemplo “este emprego é unha gran axuda para sentirme útil e pasar o tempo. Se podo gustaríame quedar na empresa aínda que ás veces se fai difícil a tarefa porque os números de identificación dos contratos vense bastante mal. Cando faga bo penso vir ao traballo a pé, dando un paseo”.
2.-Pola súa banda, Marta afirma que “prefiro este traballo que cando estaba de camareira e cociñeira, aínda que os numeriños son pouco visibles. Vir aquí e estar cos meus animais, os cans, os tres gatos, as galiñas e a pomba Palomeira é o que máis me gusta”.
3.-Edurne conta orgullosa que “veño eu soa a traballar conducindo desde Lestedo, que está a 12 quilómetros de Santiago e volvo soa. Isto está ben porque me gusta a informática e penso que o fago ben”.
4.-Rebeca alude ao que hai qué facer en caso de non ver ben os números. “Imos a incidencias é facemos constar a falta de claridade”. Rebeca vive en Casa Novas “ao lado de Touriño” e agarda poder conservar o emprego porque “aprender a usar o ordenador foi difícil para min”.
5.- Finalmente, Gerardo explica que “só emprego a man dereita para manexar o teclado e se teño dúbidas pregúntolle a Rebeca, que é a miña moza. Gústame xogar ao fútbol e ao baloncesto. As cousas de coches non. Só as vexo porque está Alonso”. O oficio de Gerardo é sen embargo o de carpinteiro e “se puidera montaría o meu propio taller”.
O director xeral do Grupo Arcade-Inforhouse opina
Segundo Vidal Díaz, director xeral do Grupo Arcade-Inforhouse, “o feito de que estas persoas teñan unha discapacidade intelectual non afecta en absoluto ao seu bo rendemento e capacidades de traballo”. A oferta destas cinco prazas realizouse en colaboración con Fademga a través do seu Departamento de Emprego. “Decidimos facer esta proposta porque consideramos que era factible e ademais había boa relación con esta entidade. Agora mesmo barallamos a posibilidade de ofertar máis prazas desta índole”, comenta.
As familias dos traballadores opinan
1.- María Martínez, nai de José Luis di: “José Luis xa traballou antes en Iberia como mozo de descarga no ano 87 pero desde entón nada. Isto de axudalos a buscar emprego é como pedir que che toque a lotería. Aquilo de Iberia foi unha parvada por tres meses. Isto é moito máis serio. Ata que demos con FADEMGA ninguén nos abriu as portas. Nós non percibimos ningún tipo de axuda. Temos moitas esperanzas postas no novo goberno e na súa proposta de Lei de Dependencia. José Luis ten agora 42 anos e precisa que o animen, que o apoien”.
2.- Carmen Paderne, nai de Marta opina que : “Marta é unha rapaza que vale moito, que aprende todo moi rápido e que lle gusta facer calquera cousa con tal de non estar pechada na casa. Esta é a primeira vez que traballa, e vela así de feliz é un orgullo para nós como pais. Entrar en FADEMGA foi dar cun ceo aberto, porque ninguén nos concedeu axuda algunha e a sociedade amosa un rexeitamento cara estas persoas demasiado grande. Para min o máis importante é que a miña filla, que ten 22 anos, se integre socialmente, que se faga máis por conseguir esta realidade da integración”
3.- Carmen Rey, nai de Edurne cóntanos que “Edurne traballou antes no Concello de Boqueixón fundamentalmente en centros culturais e ademais fixo moitos cursos de formación, sen embargo esta é a primeira vez que lle ofrecen algo digno e real, sen promesas nin enganos. Ela teno pasado realmente mal e non só na busca de emprego senón tamén e sobre todo na relación cos demais. Moitas compañeiras téñena desprezado e houbo quen sen motivo a encheu de lixo da rúa mentres agardaba tranquilamente a chegada do autobús. É hora de que se cambie de mentalidade, porque esta xente sabe e pode facer moitas cousas pola sociedade”.
4.- Carmen González, irmá de rebeca pensa que “Rebeca pasou por moitos empregos. O seu primeiro traballo foi como limpadora para unha empresa onde a metade do seu equipo estaba conformado por PCDI. Alí estivo traballando e facendo á vez un curso de perruquería. Logo pasou a repartir publicidade e despois grazas a FADEMGA estivo nunha lavandería e nun hotel. De todas formas para nós o do ordenador e o deste novo emprego foi unha sorpresa e unha satisfacción. Aí son parte de algo, trátanos con dignidade e amosan unha gran sensibilidade. Penso que avanzamos moito e que só queda que a xente se conciencie do que valen estas persoas”.
5.- Rosa Cajaraville, nai de Gerardo: “El está contento e polo tanto eu tamén, pois temos moi pouca axuda. Eu cobro unha esmola por enfermidade e nada máis. O que me gustaría é que Gerardo quedase aí nese traballo”.
