Chega o LG Optimus One con Android 2.2 e un prezo axustado

martes, 14 de setembro do 2010 Marcus Fernández

Cada vez é maior a oferta de terminais móbiles con Android para o grande público, que cun prezo axustado fan posible que os operadores de telefonía móbil poidan ofrecelos de balde ou a un prezo bastante reducido. A esta familia incorpórase o LG Optimus One, que custará libre 280 euros pero que tamén poderá adquirirse subvencionado a través de Orange e Movistar.
Este novo móbil mide 113,5 x 59 x 13,3 milímetros, pesa 129 gramos, ten unha pantalla LCD capacitiva de 3,2 polgadas cunha resolución de 320 x 480 píxeles, procesador Qualcomm MSM7227 a 600 MHz, 170 Mb de memoria interna ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb (inclúe de serie unha de 2 Gb), cámara de 3 Mpíxeles con enfoque automático e gravación de vídeo, conectividade HSPA a 7,2 Mbpx, Wi-Fi, Bluetooth 2.1, USB 2.0, GPS, compás dixital, sintonizador de radio FM e unha batería de 1.500 mAh que permite unha autonomía de ata 8 horas de conversa e 700 horas en espera.
No tocante ao software, o LG Optimus One funciona con Android 2.2 e inclúe tanto as aplicacións típicas de Google, aínda que mellorando a súa reprodución multimedia básica con soporte de arquivos DivX, XviD, WMV e mesmo documentos de MS Office.

PUBLICIDADE