Chega a segunda edición de Ignicia, que apoiou xa 9 proxectos innovadores
martes, 24 de xullo do 2018
Impulsar
o labor das nosas e dos nosos investigadores. Este
é o gran obxectivo do Programa Ignicia, que vén de chegar á
segunda edición, novamente impulsado polo Goberno galego e a
Fundación Barrié. As dúas entidades asinaron hoxe o acordo de
colaboración que vai facer posible a nova convocatoria: unha
iniciativa que achanda o camiño ao mercado da investigación galega,
poñendo en xogo estudos pormenorizados sobre como e de que maneira
actuar e plans de deseño, desenvolvemento e comercialización de
servizos e produtos innovadores. Ignicia, que abrangue o impulso de
proxectos tecnolóxicos-dixitais, baséase na filosofía de comprobar
se unha proposta vai ter éxito antes de acelerar a súa madureza.
Este
acordo, segundo explicou hoxe o conselleiro de Economía, Francisco
Conde, dá continuidade ao subscrito en xaneiro de 2016 para o
desenvolvemento da primeira edición desta iniciativa, que permitiu
apoiar un total de 9 proxectos cun investimento de 4 millóns de
euros en sectores como as TIC (Tecnoloxías da Información e a
Comunicación), o aeronáutico e a biotecnoloxía. Segundo fixo
saber, tamén se favoreceu a creación ou mantemento de 61 postos
profesionais de alta cualificación e a posta en marcha de empresas
de alicerce tecnolóxico.
Para
a segunda edición do Ignicia o Goberno galego investirá tres
millóns de euros ata 2020. A través do acordo asinado coa Fundación
Barrié por valor de máis de 430.000 euros (a Xunta financia 400.673
euros) levaranse a cabo accións formativas e a realización conxunta
de actividades propias da xestión dun fondo de proba de concepto coa
finalidade de “levar ao mercado os resultados
científico-tecnolóxicos xerados nos centros de coñecemento galegos
con potencial para a súa comercialización, ben sexa a través de
licenzas ou a través da creación de spin-offs”.
Na
primeira edición, dos 9 proxectos que se apoiaron, un total de cinco
convertéronse en empresas universitarias e os catro restantes foron
mediante acordos con licenza.
O
acordo asinado abrangue a organización de actividades de formación
no eido da transferencia de resultados, a colaboración na promoción,
divulgación e dinamización do programa Ignicia e a cooperación na
análise e validación científico-tecnolóxica e comercial dos
proxectos e seguimento dos mesmos mediante a asignación dun equipo
de expertos.
