Castrelo de Miño dá a coñecer aos gañadores do seu concurso de fotografía en liña

martes, 5 de agosto do 2008 Fernando Sarasketa

A Aula de Dinamización da Sociedade da Información de Castrelo de Miño vén de dar a coñecer aos gañadores, gañadoras e participantes en xeral do certame de fotografía en liña Ollar Castrelo, un concurso encamiñado a celebrar a dupla festividade do día 17 de maio (a festa das Letras e de Internet) e, asemade, a introducir a veciños de todas as idades nos segredos da Rede e da imaxe dixital. Coa actividade, organizada pola dita Aula e o Concello, tamén se quixo contribuír á presentación perante o mundo (dun dos mellores xeitos posibles: visualmente e con imaxes de calidade) deste recuncho da comarca do Ribeiro.
O resultado do certame en liña, que constitúe a primeira pedra do que vai ser un mapa emocional da memoria de Castrelo de Miño (que se fará público nos vindeiros días e que xa podemos ver aquí en fase de desenvolvemento), xa se pode consultar tamén na páxina web do Concello.
Nela inclúese unha escolma dos gañadores: Henrique Álvarez Villar (primeiro co seu traballo Encoro, na imaxe que acompañamos), Félix Caramés (segundo, coa obra A luz de Castrelo) e Cesáreo Meiriño Gallego (terceiro, con Náutico). Amais do devandito, o xurado decidiu achegarlle unha mención especial a Lucila Osorio pola súa fotografía Castrelo en cores.

Por certo que con estes e outros traballos fotográficos, estase a traballar na Aula de Dinamización nun álbum que conteña todas as imaxes que xeran as súas actividades e as do Concello e que xa podemos ver xa (tamén) en proceso de construción.