Casio prepara unha cámara deportiva resistente

mércores, 22 de novembro do 2017 Marcus Fernández

Casio anunciou en Xapón unha nova cámara deportiva, a GZE-1, que destaca principalmente por adoptar unha estética moi semellante aos dos reloxos G-SHOCK da marca, ou sexa, que goza de grande protección, o que a fai un bo dispositivo para filmar actividades deportivas en duras condicións, sendo a súa construción resistente a golpes, auga e po.
A cámara GZE-1 está así orientada a practicantes de deportes extremos como BMX, skate, snowboard ou surf, xa que soporta caídas de até 4 metros de altura, ten unha resistencia á auga de até 50 metros de profundidade durante 30 minutos, cumpre co estándar IP6X de resistencia ao po e pode operar até a 10 graos baixo cero. Pode disparar instantáneas de 6 Mpíxeles cun grande angular impresionante (190,8 graos) así como gravar vídeos Full HD cun ángulo de visión bastante amplo (170,4 graos). A súa apertura é f/2.8, ten conectividade Bluetooth 4.1 e Wi-Fi N, as súas medidas son de 75 x 74,1 x 46,4 milímetros e pesa 172 gramos con batería e tarxeta de memoria.
Polo momento non se coñece a data de lanzamento nin o prezo final do produto, pero prevese que se venda a 46.000 iens no Xapón (350 euros).

Vídeo de presentación das novas cámaras deportivas de Casio

PUBLICIDADE