Case 450 millóns de euros de negocio en 2010 para repartir entre redes sociais e buscadores

xoves, 8 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

As redes sociais, cómpre non esquecelo, son ferramentas de comunicación que deixan moita marxe creativa e de participación, pero tamén son un negocio. Digamos que son un negocio diferente, onde unha das cousas máis singulares que se poñen en xogo é que se nos pide, moi educada e sutilmente, que tamén traballemos. O caso é que a fórmula funciona, e, se o dubidamos, non hai máis que ver as cifras. Segundo o informe que vén de publicar a consultora especializada nestes asuntos DBK, dende a súa chegada masiva a España en 2005, as redes sociais medaron coma a escuma, pasando dos 10 aos 30 millóns de usuarios entre 2008 e 2010. Este fenómeno, por certo, veulle moi ben a uns servizos que xa estaban operativos previamente ás redes 2.0, os buscadores, que tamén viron incrementadas as visitas e, claro, o negocio. Nos dous casos, o negocio foi de 446 millóns de euros en 2010, a nivel mundial.
Como dixemos, o informe tamén sinala que a cifra amoreada de usuarios rexistrados en comunidades 2.0 en España, incorporando as persoas rexistradas en máis dunha rede, multiplicouse por tres nos últimos tres anos. Ou sexa, que pasou dos 10 aos 30 millóns. Así as cousas, a importancia que se lle dá nas empresas a estas ferramentas 2.0 é cada vez maior, como non podía ser doutra maneira, e máis se queren que a publicidade dos seus produtos e servizos vaia directa cara onde ter que ir: onde hai destinatarios. Neste senso, o estudo sinala que o ano pasado estes novos medios produciron en España un volume de negocio de arredor de 29 millóns de euros, unha cifra que deixa en ridículo a acadada dous anos antes: 3,5 millóns.
Volvendo aos buscadores, dicir que por unhas razóns ou por outras, e probablemente porque serven de porta de entrada aos diferentes e múltiples nichos das redes sociais, tamén aumentaron beneficios. Máis polo miúdo e para facernos unha idea, acadaron en decembro de 2010 unha cota de audiencia de 24,5 millóns de visitantes únicos, o que significa un medre do 8% con respecto ás cifras do período previo. A máis visitas, máis investimento. A publicidade, principal motor destas ferramentas, acadou en 2010 os 17 millóns de euros, un 17,1% máis que en 2009 polas mesmas datas.