Car2Go afiánzase en Madrid con 350 coches eléctricos e unha app compartida

martes, 12 de xaneiro do 2016 Fernando Sarasketa

Hai alternativas limpas ao auto-transporte convencional urbano e que ademais sexan rendíbeis e competitivas? Pois todo apunta a que si, se cadra non tanto hoxe mesmo como no mañá máis inmediato, e ademais semella que o abano de posibilidades vai ser amplo de abondo: BlaBlaCar, Diacamma, GOI (servizo impulsado pola galega Yaiza Canosa), os coches híbridos e eléctricos, o transporte público, as bicicletas e, tamén, as pernas de cada quen, que tamén son viábeis se a distancia é asumíbel. Sen chegar a este último extremo, semella que o servizo Car2Go tamén é unha alternativa a ter en conta. Funciona en Madrid e xa abrangue unha flota de 350 coches eléctricos e medrando. Operan cunha aplicación común e o minuto de emprego ten un custe de 19 céntimos.
Trátase, pois, dunha rede de automóbiles eléctricos que se alugan e tarifican por tempo alugado. Todo isto xestiónase a través dunha aplicación móbil que podemos descargar no noso aparello con entrar na web do servizo, rexistrarnos, dar os nosos datos persoais e elixir xeito de pagar. Ademais, teremos que aboar uns 20 euros como cota para darnos de alta. Todo se pode facer en liña agás a verificación do carné de conducir.
Unha vez descargada a ferramenta podemos ver a través dela onde está o automóbil máis próximo e reservalo en caso de que nos interese. A aplicación tamén nos axuda a atopar o coche en cuestión, que poderemos abrir coa tecnoloxía de seguridade e identificación posta en xogo. Unha vez desbloqueada a porta o sistema lévanos da man para poñer en marcha o vehículo (a través da pantalla do navegador). A través da catalogación do vehículo (Smart Fortwo Eléctrico) capacítase ao condutor para desprazarse por toda a contorna urbana (mesmo nas áreas de prioridade residencial) e para estacionar tanto nas áreas de liñas verdes como nas das azuis.

PUBLICIDADE