Canon presenta os seus primeiros prismáticos monoculares

xoves, 15 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Para usuarios que gusten da aventura e a natureza, e non queiran ter que cargar con pesados equipos fotográficos, dende Canon presentan os seus primeiros prismáticos fotográficos monoculares, o PowerShot ZOOM, que ten un tamaño moi compacto (103,2 x 50,8 x 33,4 milímetros) e pouco peso (145 gramos) e achega a experiencia de teleobxectivos de 100, 400 e 800 milímetros, para así poder ver a grande distancia, podendo capturar o que vexamos en fotografía ou vídeo nunha tarxeta microSD, podendo conectar este dispositivo cun smartphone para usalo como visor en vivo ou para descargar os contidos rexistrados.
Este curioso dispositivo ten enfoque automático mentres se emprega o seu visor electrónico, integra seguimento de caras, utiliza estabilización óptica de imaxe para corrixir vibracións, toma fotografías de 12 Mpíxeles e vídeo Full HD a 29,97 fotogramas por segundo, integra unha batería recargable por USB-C de 800 mAh (que permitiría disparar até 150 fotografías ou gravar vídeo durante 70 minutos) e sairá á venda nos EE.UU. en novembro a un prezo de 299,99 dólares.

Vídeo promocional do PowerShot ZOOM

PUBLICIDADE