ByGalicia amplía os seus servizos a prol da internacionalización das nosas empresas

xoves, 20 de decembro do 2007 Fernando Sarasketa

A internacionalización das empresas, que consiste basicamente en ampliar a túa área de influenza no mercado fóra dun eido máis local, é un proceso complexo que hoxe non é posible sen o apoio das novas tecnoloxías e dende diversas frontes. En calquera caso, xa case ninguén dubida de que as ferramentas e os recursos dixitais (propios ou alleos) son un dos aros polo que tes que pasar para a competitividade. Dito doutra maneira: de non querelos, case mellor dedicarse a outra cousa. A este respecto, semella que cada día hai máis apoios para a internacionalización e para todos os gustos: públicos ou privados, caros ou baratos, pechados ou abertos.
Desta volta falamos dun que vén da man da Xunta, concretamente da Consellería de Innovación. Chámase ByGalicia e é unha plataforma dixital galega posta en camiñar en xullo de 2007 e que vén de ampliar a súa oferta de servizos. Damos conta deles.
A iniciativa, que ten como principal finalidade a de favorecer o intercambio comercial e (como dixemos) a externalización das empresas galegas, vai medrando paseniño en recursos e, tamén, en participación. De feito, conta cunha taxa de usuarios que rolda xa as 40.000 visitas, segundo datos achegados por Google Analytics. A tenor do que nos contan os responsables do propio servizo (un equipo da Consellería de Innovación), ByGalicia foi incorporando ó longo destes meses de vida unha serie de “engadidos”, por exemplo os informes achegados por unha asesoría de expertos en internacionalización de mercados, a disposición das firmas galegas que tramiten consultas nesta plataforma. Asemade, houbo no portal web unha ampliación de contidos: novos servizos de acceso a foros especializados, difusión de currículos profesionais e creación de páxinas web dentro da mesma plataforma (espazos empresariais para a promoción dos usuarios e as súas entidades ou produtos específicos).
A listaxe de funcións de ByGalicia quedaría desta maneira a día de hoxe:
- Creación dun espazo web empresarial propio
- Asesoramento de expertos en liña; acceso a foros especializados
- Xestión de ofertas de traballo
- Divulgación de currículos
- Información especializada en galego, castelán, inglés e xaponés
- A posibilidade de personalizar ByGalicia coas seccións de máis interese.
Visitas dos recantos máis afastados do mundo
Do mesmo xeito que é empregada por empresarios e profesionais galegos, xa hai polo mundo un bo número de internautas que lle ven a utilidade, segundo se desprende dos datos das visitas cotiás rexistradas dende México, Xapón, Australia e Portugal, país este último que destaca sobre todos os demais e por razóns evidentes: é un país irmán tanto dende o punto de vista cultural e lingüístico como no comercial. Para os responsables da posta en marcha do portal é importante que os empresarios galegos saiban que a web de ByGalicia ben pode ser a ferramenta coa que se pon a primeira pedra dos seus edificios no exterior. Dito doutro xeito e en senso figurado: o servizo estase a converter na guía para os planos da sede noutras cidades ou (tamén) nun teléfono de aclaración de dúbidas a tempo completo.
E non só para aquelas iniciativas que teñen que ver co comercio exterior.
A ferramenta, desenvolvida pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, achega servizos en sentido duplo. Ou sexa: ó mesmo tempo que fomenta a ampliación da área de influenza das firmas da nosa terra (en moitas ocasións, único vieiro posible para o medre, posto que o mercado galego ten uns límites, no eido da Sociedade da Información e noutros moitos sectores), tamén facilita ós investidores que veñen de fóra identificar Galiza e “visualizar as súas potencialidades”, segundo informa Innovación. E engade, facendo referencia a ese fomento do contacto cos axentes externos e ós recursos postos en marcha para atraelos: “A plataforma ByGalicia posúe un apartado multiidioma, esencial no caso das relacións internacionais, amais de reunir de forma accesíbel e clara todas as seccións e funcionalidades do portal; amais diso a ferramenta componse no seu conxunto por máis de 600 páxinas en catro idiomas: galego, español, inglés e xaponés; e está a ser permanentemente actualizada polo equipo de redacción e técnico de ByGalicia”.

PUBLICIDADE