BlackBerry amosa un terminal con pantalla táctil de 5" en Barcelona

martes, 3 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Esta mañá o director xeral de BlackBerry, John Chen, pasou polo Mobile World Congress de Barcelona, escenario elixido para adiantar algúns dos novos dispositivos que está a preparar a compañía canadense e presentar oficialmente o BlackBerry Leap, smartphone que presume dunha pantalla táctil de 5 polgadas e alta definición e dunha autonomía de até 25 horas de uso intensivo, que xunto coa seguridade e a orientación á produtividade espera poder gañarse un espazo nas empresas.
Estamos ante un terminal para os usuarios que están conformes coas interfaces táctiles que imperan no mercado, buscando tamén ser un dispositivo de gama media, ou sexa, cun prezo asumible, que podería telo un pouco máis doado para a súa popularización grazas a que a última actualización de BlackBerry OS inclúe a Amazon Appstore (o que facilita a instalación de milleiros de aplicacións para Android en dispositivos BlackBerry). Outra grande novidade integrada é BlackBerry Blend, que permite o salto entre teléfono, tableta e PC para poder acceder ás notificacións, documentos, contactos e mensaxes en tempo real, de xeito que non hai que andar remitíndonos a nós mesmos textos e documentos por e-mail ou mediante cables para a súa utilización nos nosos trebellos habituais.
Aínda que os terminais de BlackBerry destacan tradicionalmente polos seus bos teclados físicos, o BlackBerry Leap non é menos preciso grazas a un bo teclado táctil en pantalla. O terminal funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon MSM 8960 a 1,5 GHz, 2 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 GB, cámaras de 8 e 2 Mpíxeles, LTE, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, radio FM e batería de 2.800 mAh. Ten un grosor de 9,5 milímetros e un peso de 170 gramos.
Pero aínda que o BlackBerry Leap pode resultar un bo terminal para recuperar terreo en certos contornos, durante a presentación desta mañá resultou máis rechamante un smartphone moi semellante, cunha grande pantalla táctil curva, que agocha un teclado físico deslizante, de xeito que combinaría o mellor de dous mundos, e que polo momento só sabemos que porase á venda durante o presente ano.

BlackBerry lanzará este ano un smartphone cunha grande pantalla táctil e teclado deslizante


Vídeo promocional do BlackBerry Leap

PUBLICIDADE