Baía Edicións abre as portas da súa aula virtual
mércores, 19 de setembro do 2012
O ensino galego
segue a botar abaixo tabiques. Neste proceso de ampliación de límites cara ao
dixital colaboran moitas mans dende institucións públicas e privadas, centros
de formación, colectivos docentes e tecnolóxicos e empresas. Dentro destas últimas,
sección editoriais, unha das máis activas é Baía Edicións, que logo da súa
web-acubillo universal e das
novidades achegadas no xeito de achegármonos aos seus libros, anuncia agora
unha Aula Virtual para
permitir o acceso integral dos seus fondos entre a comunidade educativa. Trátase
pois dun establecemento en liña no que, entre outras cousas, podemos visualizar
as coleccións e os libros de Baía, obter información básica de cada un dos
títulos: autoría, ilustración, ISBN, páxinas, PVP, comentario da obra, imaxe da
capa do libro, etc.
No caso específico
das obras de creación literaria, tanto de adultos como infantil-xuvenil,
inclúese un capítulo do libro en formato dixital, “co fin de axudarmos aos usuarios da rede e futuros lectores e lectoras
a facérense unha idea clara do conxunto da obra, como se se estivese remexendo
nas obras que se atopan nas librarías, bibliotecas, espazos de lectura, etc.”,
informan dende a editorial galega.
A nova iniciativa
responde a unha demanda ben clara: o interese das usuarias e usuarios da web de
Baía Edicións por atinxir máis servizos e funcionalidades en liña. O primeiro
paso neste senso foi a creación do Espazo editorial Baía,
onde se incorporan a diario novas relacionadas coa actualidade editorial e
cultural galega. A isto hai que engadir un espazo interactivo de debate (onde a
editora, os seus autores e colaboradores e máis os lectores comparten opinións
sobre diversas informacións educativas e culturais de actualidade que se
propoñen) e os apartados Xuntanza de
escritoras e Encontro coa Natureza, entre
outras cousas. “Finalmente”, explican
dende Baía, “co obxectivo de
complementarmos os materiais didácticos e textos dirixidos aos niveis
educativos de secundaria e bacharelato, decidimos crear a Aula Virtual,
proxecto que nace coa idea de facilitarmos tanto ao profesorado como ao
alumnado todos os recursos didácticos e materias educativos dos que se dispón
de cada un dos libros de texto publicados na actualidade”.
A Aula Virtual
conta cos libros dixitais de Sociais de 1º e 2º de ESO, dirixidos tanto ao
alumnado como ao profesorado. Amais, dende a plataforma pódense descargar
recursos como o proxecto curricular
establecido e a programación proposta para cada unha das disciplinas como
materiais complementarios de axuda ao profesorado no seu labor didáctico e
pedagóxico diario nas aulas tan só co seu rexistro.