BIC Galicia presenta a semana vindeira a súa rede de apoio ás emprendedoras TIC do noso país
venres, 9 de decembro do 2011
BIC Galicia e Ineo van presentar a vindeira semana unha iniciativa concreta
para apoiar ás mulleres emprendedoras do noso tecido tecnolóxico dixital: a
Rede de Mentoras, un instrumento impulsado polas entidades devanditas dentro da
Rede Mentoring de BIC Galicia co fin de promover a creación de empresas do
devandito sectores con mulleres á súa fronte. A iniciativa estará conformada
por mulleres profesionais deste eido produtivo, que prestarán a súa experiencia
e asesoramento de calidade a mulleres que estean a dar os seus pasos no mundo
empresarial e que, segundo apunta BIC Galicia, “necesiten dese pulo e dunha pequena guía estratéxica que lles permita
poñer en marcha a súa idea”.
A rede será presentada pola directora xeral de BIC Galicia, Maite Cancelo,
no marco do encontro
convocado polas dúas entidades para reivindicar, fomentar e promover o papel da
muller no ámbito galego TIC.
A xuntanza, programada en colaboración con APD, desenvolverase o mércores
14 co seguinte epígrafe: Emprender e dirixir en feminino. A muller
emprendedora e directiva no escenario 2.0. O miolo do evento será unha
longa e completa serie de exposicións e casos prácticos, persoais, de propostas
femininas de éxito e de métodos para traballar a prol dun panorama máis
igualitario. As participantes no evento, expertas na cuestión da actividade
empresarial TIC, tamén achegarán recursos e consellos para conseguirmos a
conciliación da vida laboral e familiar dende o liderado empresarial.
O foro desenvolverase no salón de grados da Escola de Enxeñaría de
Telecomunicación da Universidade de Vigo, a partir das 9.30 horas da mañá. A
asistencia será de balde, previa inscrición vía telefónica ou e-mail. O foro
dará comezo coa intervención de Susana López Abella, secretaria xeral de
Igualdade, e Jorge Cebreiros, presidente de Ineo.
Ao longo do evento participarán Edita de Lorenzo, directora da Escola de
Enxeñaría de Telecomunicación, Patricia Araque, presidenta e cofundadora de
Elas 2.0, Pilar García-Ceballos Zúñiga, directora xeral de INSA, Lourdes Guerra
(Ayco Internet), Lourdes Sánchez (Ultreia Comunicacións), Luz Castro (Imaxin
Software), Lucía Gregorio (directora xeral de Ineo), Maite Cancelo (directora
xeral de BIC Galicia).
