BFAero xa ten media ducia de proxectos acelerábeis

luns, 15 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

Business Factory Aero (BFAero), a aceleradora galega do sector aeroespacial, vén de dar a coñecer os nomes da media ducia de proxectos que participarán finalmente na súa primeira edición: tres achegas galegas, dúas de Madrid e unha de Valencia. Segundo informou a Consellería de Economía, impulsora da iniciativa, ao proceso de selección presentouse a salientábel cifra de 48 candidaturas, das que se elixiron 16 finalistas, entre as que destacaron as propostas da nosa terra, copando a metade das contribucións (tres na provincia de Pontevedra, tres na Coruña e outras dúas de Lugo).
Estes 16 proxectos participaron o venres 10 de abril nunha xornada Pitch Day celebrada en Lugo, onde tiveron ocasión de defender as súas candidaturas, primeiro nunha entrevista persoal co equipo promotor e logo a través de breves presentacións perante o comité executivo. Tras as deliberación deste, a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e presidenta do comité, Patricia Argerey, comunicou os proxectos seleccionados e entregoulles os diplomas. Argerey salientou a alta calidade das iniciativas e animou aos responsábeis das propostas que non resultaron elixidas a madurar as súas ideas e intentalo en vindeiras edicións da aceleradora, que ten previsto dúas convocatorias máis até acoller 19 proxectos en total.
Estes son os 6 proxectos finalmente elixidos: Dronewind (con sede en Oleiros, trátase dun proxecto de vehículos aéreos non tripulados, UAV, para realizar fotografías das tres palas dun eólico polo anverso e reverso, sen necesidade de parada, destacando pola súa rapidez na toma de datos e polo aforro que pon en xogo, xa que non se detén a produción), Propulsión con células de combustíbel de hidróxeno (con sede en Madrid, propón unha alternativa ao uso de baterías en UAV de até 25 quilos, mediante a produción de enerxía eléctrica por células de combustíbel de hidróxeno, sendo obxectivo final obter tempos de voo que tripliquen os actuais), RadioUAV (proxecto impulsado dende a Universidade de Vigo, trátase do desenvolvemento de sistemas para tarefas de inspección non destrutiva, detección e identificación con sensórica activa e pasiva), LUPEON (dende Nigrán, consiste no deseño e optimización topolóxica de pezas estruturais de UAV así como a fabricación aditiva de ditas pezas en composites plásticos ou metálicos co fin de reducir o peso dos vehículos aéreos e así conseguir maior autonomía de voo), Avión VTOL de UAVWorks (con orixe en Valencia, o proxecto achega unha aeronave convertíbel única no mundo, sinxela, de baixo custo de operación e mantemento, versátil e operativa en contornas marxinais e, tamén, con grande autonomía e alcance con capacidade VTOL) e Desenvolvemento dun UAV helicóptero para aplicacións de Alpha Unmaned Systems (con sede en Madrid, consiste en na materialización dunha plataforma VTOL tipo helicóptero para uso civil).
A primeira aceleradora galega aeronáutica
Para quen non o saiba, BFAero é da primeira aceleradora galega especializada no sector aeronáutico, posta en marcha pola Xunta co respaldo de empresas referentes no sector como Indra e Babcock, e co apoio do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e a Axencia Galega de Innovación (GAIN), así como da Fundación da Confederación de Empresarios de Lugo. A iniciativa busca solucións innovadoras no sector aeronáutico e de vehículos non tripulados (UAV e USV).
As iniciativas admitidas na aceleradora disporán do apoio económico da Xunta, accedendo a un financiamento a fondo perdido de até 100.000 euros na fase de incubación e de 50.000 en aceleración. A maiores, optarán a un financiamento en forma de préstamos de Indra de entre 50.000 e 500.000 euros en incubación e sen límite en aceleración. Tamén en aceleración terán acceso a préstamos participativos de até 250.000 euros de Xesgalicia.
Ademais, poderán facer uso dos espazos de coworking, oficinas individuais equipadas, aulas de formación e servizos de asesoramento técnico que pon á súa disposición a Fundación CEL, así como das instalacións do complexo do aeródromo de Rozas, onde os proxectos poderán utilizar os drons de Indra e Babcock (Targus e Lua) e outros equipamentos especializados do ámbito da Civil UAV Initiative.

PUBLICIDADE