BFAero, a aceleradora aeroespacial galega, seleccionará este outono seis novos proxectos

mércores, 2 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

Este mércores celebrouse en Lugo, na sede da Fundación CEL, unha xornada de traballo sobre a segunda convocatoria da aceleradora Business Factory Aero (BFAero), destinada a impulsar, visualizar e facer voar proxectos galegos e estatais innovadores baseados nas tecnoloxías aeroespaciais, os vehículos aéreos non tripulados e as súas múltiples potencialidades. No encontro arredor da nova andaina de BFAero, que se desenvolve ao abeiro do polo galego Civil UAVs Initiative, participou a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey. Segundo lembrou, xa está aberto (até o 15 de novembro) o prazo de presentación de propostas para a segunda edición da aceleradora.
O obxectivo, sinalou, é seleccionar media ducia de novos proxectos innovadores con drons e vehículos non tripulados, tres para a fase de incubación e tres para a de aceleración, que se sumarán ás seis startups que xa están a desenvolver os seus proxectos e plans de negocio.
Na súa intervención, Argerey recordou que “BFAero non só forma parte da Civil UAVs Initiative (CUI), senón que se enmarca tamén na plataforma StartIN Galicia, a través da que se aposta polo emprendemento innovador en sectores clave para o noso medre económico e a competitividade”.
No acto, ademais da Xunta, participaron representantes da Fundación CEL-Iniciativas por Lugo, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), o Consorcio Aeronáutico Gallego (CAG) e as multinacionais Indra e Babcock, todas elas entidades que apoian e impulsan o desenvolvemento de novas compañías e ideas innovadoras a través de BFAero.
Quen pode participar
As empresas e startups do sector aeronáutico de toda España que teñan unha idea innovadora para o uso de vehículos non tripulados (aéreos e mariños) poden presentarse a este programa, que, segundo lembrou Argerey, “conta cun importante apoio de entidades públicas e empresas multinacionais de referencia como Indra e Babcock”.
En termos máis concretos, BFAero ofrece aos seus proxectos acelerados un completo plan para o deseño e lanzamento do seu produto ou servizo no mercado local, nacional e internacional, cunha duración de 24 meses para a etapa de incubación e de 12 meses para a de aceleración.
As propostas elixidas teñen á súa disposición titorías e asesoramento con expertos no sector, acceso ás instalacións e equipos da CUI, oficina propia e espazos para realizar traballo colaborativo (coworking) e recibir unha completa formación en todos os aspectos que atinxan á súa idea de negocio. Os proxectos contan con asesoramento tecnolóxico e acceso a potenciais clientes de ámbito internacional. Ademais, poderán dispoñer de UAV de Indra e Babcock de balde e de horas de voo bonificadas. Tamén terán a opción de obter a certificación de piloto.
Cobertura económica
Segundo recordou a directora da Axencia Galega de Innovación, BFAero é “a aceleradora deste sector con maior dotación de apoio económico por proxecto de Europa”. Os proxectos admitidos, dixo, disporán do apoio económico da Xunta e, en concreto, accederán a un financiamento de ata 100.000 euros na fase de incubación e de ata 50.000 na de aceleración. A maiores, optarán a un financiamento en forma de préstamos de Indra (a través de Indradventures) de entre 50.000 e 500.000 euros en incubación e sen límite en aceleración. Ademais, na fase de aceleración terán acceso a préstamos participativos de ata 250.000 euros de Xesgalicia.
A Business Factory Aero, impulsada pola Xunta a través de GAIN, acolle ás empresas nas súas instalacións da Fundación CEL Iniciativas por Lugo.

PUBLICIDADE