AtlantTIC amosará os importantes resultados obtidos co seu proxecto TÁCTICA
venres, 18 de marzo do 2016
O centro
galego de investigación AtlantTIC vai organizar un evento para dar
conta dos froitos acadados ao abeiro do seu proxecto TÁCTICA,
dirixido de potenciar o polo de xeración e transferencia de
coñecemento TIC creado en Galicia ao redor da Escola de Enxeñaría
de Telecomunicación da Universidade de Vigo (EET). Falamos da
xornada #MeetTheLAB: TÁCTICA InfoDay, na que se presentarán
os resultados de investigación alcanzados en cada unha das liñas de
traballo desta iniciativa. O evento desenvolverase o mércores 30 de
marzo, en horario de 10h a 13:40h, na EET da Universidade de Vigo.
A xornada dará comezo
coa benvida de Nuria González Prelcic, directora de AtlantTIC, e
pasará logo a abordar cuestións relacionadas co traballo levado a
cabo en TÁCTICA, por exemplo as plataformas SDR (aplicación
en comunicacións móbiles por satélite dende RPA), plataformas SDN
(aplicación no intercambio eficiente de contidos multimedia e para a
optimización da comunicación extremo-extremo en terminais móbiles)
ou sistemas de comunicación mmWave (aplicación en redes móbiles 5G
e en automoción), entre outras moitas liñas de traballo.
Como
lembraremos, os
achados de TÁCTICA están detrás de proxectos tan salientables
como o que reflectimos dende Código Cero a finais do ano pasado
e que consiste nunha iniciativa pioneira para achegar dende a nosa
terra (en colaboración con Gradiant
e SCR, do grupo
Everis Aeroespacial) voos experimentais dun enlace satélite para uso
civil. Impulsada e desenvolvida ao abeiro do proxecto TÁCTICA, esta
tecnoloxía recentemente probada e validada no Aeródromo das Rozas
(Lugo) fai posible transmitir por satélite máis información en
menos tempo, mellorando a fiabilidade da comunicación nas diferentes
condicións de voo, e aumentando a velocidade de transmisión.
O proxecto TÁCTICA, que
conta co apoio do Ministerio de Economía e Competitividade (MINECO)
e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), naceu en 2013
para dar resposta ás inquedanzas dos investigadores galegos, á
vangarda do coñecemento e da tecnoloxía; e como alicerce para a
xeración de coñecemento aplicado con resultados “claramente
transferibles” á industria.
TÁCTICA permitiu
investir máis de 8 millóns de euros en I+D+i aplicada realizada en
Galicia, no seo da Escola de Telecomunicación. Agora, tras dous anos
de “intensa investigación colaborativa” con centros e
universidades estatais e internacionais de primeiro nivel, AtlantTIC
pechou este proxecto con “resultados alentadores e de gran valor
para a industria”, segundo informan fontes do centro de
investigación da Universidade de Vigo, que salientan entre estes
resultados as devanditas probas reais para o emprego de drons ou
vehículos aéreos non tripulados (UAV polas súas siglas en inglés)
para o uso civil, a análise de información e contidos na nube ou a
definición da tecnoloxía 5G.
