Até 250 investigadores TIC dos campus estatais participarán no congreso SISTEDES de Santiago

venres, 8 de abril do 2022 S. P.

A entidade estatal SISTEDES (Sociedad de Ingeniería del Software y Tecnologías de Desarrollo del Software) e o centro CiTIUS da USC van organizar en setembro (entre os días 5 e 7) un evento de gran relevancia arredor da transformación dixital dende unha óptica científica e investigadora. Trátase da edición 2022 das Xornadas da Sociedade de Enxeñaría de Software e Tecnoloxías de Desenvolvemento de Software. Serán no Hotel Porta do Camiño de Santiago. O evento xuntará en Compostela á investigación TIC máis sobranceira das universidades españolas.
SISTEDES
SISTEDES é unha asociación sen ánimo de lucro, creada en 2005 co principal obxectivo de contribuír ao desenvolvemento científico e tecnolóxico de España nas áreas da enxeñería do software e as tecnoloxías de desenvolvemento de software, así como de promover a investigación, a innovación e a transferencia de tecnoloxía entre a academia e a empresa para o avance destas disciplinas.
O evento
SISTEDES organiza cada ano unhas xornadas científicas que engloban conferencias sobre Enxeñería do Software e Bases de Datos (JISBD), Ciencia e Enxeñaría de Servizos (JCIS) e Programación e Linguaxes (PROLE). As xornadas, que levan realizándose de maneira ininterrompida con este formato desde o ano 2001 constitúen en palabras do CiTIUS “un importante referente e punto de encontro a nivel nacional de toda a comunidade española que traballa nas ditas áreas TIC”.
O congreso reunirá a máis de 200 investigadores/as dos grupos de investigación mais sobranceiros e prestixiosos das universidades españolas en formato presencial, e en torno a 50 en formato online.
Na edición 2022, o comité organizador estará formado polos investigadores do CiTIUS José M. Cotos Yañez, José R. Ríos Viqueira, Manuel Lama Penín e José A. Taboada González, apoiados polos membros de grupo de investigación COGRADE e polo persoal de apoio do CiTIUS.

PUBLICIDADE