Asus presenta un smartphone de gama media con sintonizador de TDT

mércores, 11 de maio do 2016 Marcus Fernández

Asus sorprende desvelando un novo smartphone, o Zenfone Go TV, que pese ás súas prestacións sumamente moderadas sorprende por incorporar unha característica moi pouco habitual fóra do mercado asiático: un sintonizador dixital Sony IC (SMT-EW100) compatible coa meirande parte das tecnoloxías de TDT, de xeito que en zonas con boa cobertura permitiría recibir o sinal televisivo en aberto sen consumir datos.
Este smartphone con dobre SIM está á venda por 5.490 dólares de Taiwán (148 euros) e podería chegar en breve a algúns mercados europeos (o que facilitaría a súa compra dende España, onde polo momento descoñécese se terá distribución oficial).
Como dixemos, as súas prestacións son bastante modestas (algo comprensible tendo en conta o seu prezo), funcionando cun procesador Qualcomm Snapdragon 400 de catro núcleos, 2 GB de RAM, 16/32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de até 64 GB), pantalla de 5,5 polgadas cunha resolución de só 1.280 x 720 píxeles, cámaras de 8/13 e 5 Mpíxeles, 4G (con soporte da banda dos 800 MHz), Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, batería de 3.010 mAh, Android 5.1 con Asus ZenUI, un grosor de 10,7 milímetros e un peso de 160 gramos. Estará dispoñible con carcasas en negro, branco, azul lago, gris, dourado, vermello, rosa e azul perla.
Un dispositivo a ter en conta polos que gusten de ver retransmisións televisivas no móbil, aínda que obviando o seu sintonizador de televisión continúa a ser un smartphone de gama media bastante competente e cun deseño coidado, polo que o seu atractivo resulta indiscutible.

O smartphone está dispoñible nunha ampla gama de cores

PUBLICIDADE