Asus estrea reprodutor multimedia de alta definición

luns, 27 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Despois dunha febre inicial polos discos duros multimedia, agora chega a dos reprodutores multimedia de alta definición, que non só permiten ver vídeos en DivX no televisor, senón que tamén soportan formatos máis modernos coma os vídeos a 1.080p empaquetados en Matroska (MKV).
Incluso Asus entra nesta nova gama de produtos co seu Asus O!Play HDP-R1 HD Media Player, que accede aos contidos multimedia a través de USB, eSATA (o que permite unha velocidade de transferencia 6 veces superior ao USB 2.0) ou Ethernet (de xeito que pode reproducir vídeos almacenados noutros equipos sen ter que copialos), para presentar vídeo a través de HDMI ou vídeo composto.
O reprodutor amosa imaxes JPEG, BMP, PNG, GIF e TIFF, reproduce música en MP3, WAV, AAC, OGG, WAV, FLAC, DTS e outros formatos semellantes e vídeo en MPEG-1/2/4, H.264, VC-1 e RealMedia con múltiples extensións de ficheiro (MP4, MOV, Xvid, AVI, DivX, ASF, WMV, MKV, RM, RMVB, FLV, TS, M2TS, DAT, MPG e VOB) e soporte de subtítulos (srt, sub, smi e SSA).
Este dispositivo mide 181 x 125,3 x 47,7 milímetros e o seu prezo de venda ao público recomendado é de 119 euros.

PUBLICIDADE