As xornadas Digitalia Humanistica avalían dende hoxe o impacto das TIC no coñecemento

mércores, 11 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Santiago de Compostela acolle dende hoxe até o venres 13 de marzo as xornadas Digitalia Humanistica, organizadas polo Instituto de Estudos Galegos Pai Sarmiento, centro mixto do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da Xunta, coa colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o patrocinio das empresas Atos e NetApp. O acto inaugural celébrase este mércores 11 de marzo ás 09.30 horas, contando coas intervencións da directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey Vilar; do director do CESGA, Mauro Fernández Dabouza e director do IEGPS, Eduardo Pardo de Gevara e Valdés.
O programa de actividades inclúe 18 relatorios distribuídos en tres xornadas, a desenvolver no salón de actos do Hospital de San Roque, en Santiago, en horario de mañá e tarde. Nelas abordaranse distintas temáticas: o concepto e as diferentes formulacións das humanidades dixitais, o impacto na era tecnolóxica nos arquivos, a presentación da experiencia e as oportunidades do CESGA nas tecnoloxías computacionais ou o desenvolvemento e resultados de diferentes proxectos neste ámbito científico. As xornadas están dirixidas a investigadores, profesores, técnicos, estudantes, empresas e profesionais TIC. Son de entrada libre sen previa reserva.
As actividades estarán coordinadas por José Antonio Berenguer (ILC-CSIC), Pablo Otero Piñeyro Maseda (IEGPS-CSIC-XuGa) e Emilio Abad Vidal (CESGA).
As xornadas concluirán cunha mesa redonda titulada Posibilidades, problemas e desafíos inmediatos das humanidades dixitais. Os relatores proceden de institutos de investigación do CSIC, CESGA, da Xunta de Galicia e de diversas universidades (Santiago de Compostela, A Coruña, Autónoma de Barcelona, Politécnica de Valencia, Complutense e Politécnica de Madrid, Viena, Cambridge), Fundación Ignacio Larramendi e Instituto Andaluz de Patrimonio Histórico.
O programa en formato PDF está dispoñíbel para a súa descarga.

PUBLICIDADE