As respostas aos nosos desafíos ante o Big Data, nun novo obradoiro de Vitae
martes, 12 de febreiro do 2019
Un
equipo humano axeitado e os recursos máis indicados para tirar
proveito da información, o gran valor do noso tempo, son elementos
fundamentais para garantir o éxito de calquera proxecto empresarial,
máis aínda se o proxecto en cuestión é innovador e tecnolóxico.
Pero, que acontece se a información medra a pasos axigantados (Big
Data) e tamén medran as fontes polas que chegan os datos a nós?
Pois, de contarmos co adestramento apropiado, non haberá quen desvíe
os nosos proxectos do camiño do éxito. De capacitarnos nisto é do
que trata o novo curso de Vitae, Deseño
e Arquitectura de Solucións con Big Data, que vai pola súa
novena edición. Celebrarase na Coruña (días 22, 23, 29 e 30 de
marzo) e terá 20 horas de duración.
En
palabras de Vitae, “na era da información, onde cada dato importa
e pode proporcionar vantaxes competitivas, é preciso coñecer as
diferentes aproximacións que temos dispoñíbeis para a xestión
desas grandes cantidades de datos, no coñecido como ecosistema Big
Data”. En consecuencia, durante a novena edición deste curso de
Vitae, avaliaranse as diferentes aproximacións á análise da
información a gran escala, mostrando as alternativas de arquitectura
dispoñíbeis para dar resposta aos requirimentos de análise de cada
organización.
No
obradoiro empregarase HDinisght, a distribución Hadoop de Microsoft
na nube para os laboratorios prácticos durante o curso, sendo
aplicábeis os conceptos achegados no mesmo, tamén, a calquera das
distribucións dispoñíbeis no mercado.
Os
obxectivos da actividade formativa son os seguintes: coñecer as
diferentes arquitecturas dispoñíbeis e posíbeis para definir unha
arquitectura Big Data; diferenciar os diversos tipos de
requirimentos de análise de información; e introducirnos na
analítica avanzada a través dos programas Spark e R.
A cita
encamíñase principalmente a profesionais do ámbito das Tecnoloxías
da Información (TI) que queiran adquirir coñecementos sobre a
xestión, o manexo e a interpretación do coñecemento a gran escala.
O temario abrangue unha introdución a Big Data e
Hadoop, a configuración e administración de servizos Hadoop, os
fundamentos de Hive, a arquitectura de Apache Spark e unha
introdución a Databricks.
O profesional que impartirá o
obradoiro será Antonio Soto Rodríguez, enxeñeiro en Informática
de Sistemas pola Universidade da Coruña e profesional con máis de
dúas décadas de experiencia como consultor técnico experto e
certificado, achegando formación na Universidade Microsoft e a
empresas e organismos como a NASA, NASDAQ, PEMEX, SERGAS, Citroen,
CEAGA, Inditex, Ferroplast, Banco Popular, ABANCA, Xunta de Galicia
ou Abertis.