As publicacións periódicas din que o peche de Google News é unha mala nova para o sector e para a cidadanía

xoves, 11 de decembro do 2014 Redacción

Tal e como informamos onte dende Código Cero, Google cumprirá finalmente a súa previsión pechar o servizo de Google Noticias ao entrar en vigor a nova reforma da Lei de Propiedade Intelectual. A decisión veu motivada porque o buscador non cre que se deba compensar aos medios de comunicación por facer publicidade dos seus contidos a través dun servizo que non inclúe publicidade, e do que os propios medios sempre foron os principais beneficiados. As reaccións á nova non se fixeron agardar, e boa parte delas coinciden en considerala unha nova negativa. Por exemplo agregadores como Menéame ou a Asociación Española de Editoriais e Publicacións Periódicas (AEEPP), que vén de emitir un comunicado no que cualifica o peche de Google News como “unha mala nova para os editores e os cidadáns”.
Segundo fai saber, á supresión da actividade do dito servizo informativa “seguirá probabelmente a doutros agregadores, debido á inminente entrada en vigor da Lei de Propiedade Intelectual e a conseguinte redución da liberdade de elección para editores e usuarios, que tamén ven limitado o seu acceso á información e máis a capacidade de competir libremente”.
A xuízo da AEEPP, esta lei “provocará a eliminación dos agregadores e todas as aplicacións a eles conectadas, o que causará unha diminución do tráfico das páxinas informativas, co seu correspondente impacto negativo nos ingresos e na conta de resultados”. De feito, engade a asociación, moitos sitios de información convencionais resultarán inviables, véndose abocados ao peche definitivo. En opinión dos responsables das editoriais e as publicacións periódicas, leis coma a devandita “colocan ao país no furgón de cola, facéndonos perder valiosas oportunidades e pondo en risco iniciativas e empregos no mundo dixital”. Ao fío disto, a AEEPP reclama a suspensión da entrada en vigor da LPI e, en especial do seu articulo 32.2 (o canon AEDE).