As posibilidades laborais e empresariais dos drons, hoxe no Campus de Lugo

martes, 29 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

A sala de xuntas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo vai acoller hoxe unha mesa redonda sobre as posibilidades que abren as tecnoloxías dos vehículos aéreos non tripulados en materia de novos proxectos de mercado e novas profesións. Estamos a falar da mesa redonda Emprender no sector dos drons, unha saída laboral, que se celebra ás 17.00 horas e que se insire no marco das accións para a presentación e captación de talento dentro da segunda convocatoria da aceleradora Business Factory Aero (BFAero).
Lembrar que esta segunda convocatoria de BFAero fica aberta ata o 15 de novembro ata as 14.00 horas, sendo o seu obxectivo seleccionar media ducia de proxectos innovadores con aplicación no sector dos drons para os seus programas de incubación e aceleración.
Na mesa de hoxe, na que estarán representantes da Universidade e tamén do CIFP As Mercedes de Lugo, participarán membros das empresas multinacionais Indra e Babcock, así como do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG).
Como dixemos, a xornada comeza este martes 29 ás 17.00. Farao cun acto de benvida a cargo de Elvira López Mosquera, adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, e Tomas Cuesta, directora da EPS de Enxeñaría. A continuación celebrarase a mesa redonda en si mesma, que contará coa presenza activa de Antonio Monteagudo, director técnico de Indra, David Pérez-Piñar, responsable de Desenvolvemento de UAV en Babcock España, Ana Paul, directora de Innovación do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), Mariluz Gil, coordinadora de Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados da USC, Joaquín Expósito, director do CIFP As Mercedes. Ao abeiro da actividade, Daniel Viaño, de PildoLabs Galaica, e Alfonso Fernández, de Raytrack, presentarán cadanseus proxectos, impulsados na primeira convocatoria de BFAero. O moderador da mesa será José Luis Villaverde, director do ACTE. A xornada rematará coa presentación da segunda convocatoria de BFAero, a cargo do seu equipo xestor.