As grandes citas do Mundial provocaron importantes caídas na actividade en liña dos principais sectores

martes, 15 de xullo do 2014 Fernando Sarasketa

Un Mundial coma o celebrado os días pasados en Brasil amosa tantas implicación económicas e sociais que marea tentar seguilas. Para comezar, causa vertixe dar cunha cifra aproximada de perdas provocadas polo fracaso estrepitoso de equipas coma a española, a cantidade de metros cadrados de superficie que tiveron que ateigarse, por forza, con todo tipo de material de celebración patrioteiro ao que non se lle puido dar saída. Fálase incluso de barcos enteiros de mercancía (as luvas do dedo, os balóns) que tiveron que volver a China. Porén, hai implicacións que afectaron aos principais sectores, a todos os países e á Rede por enteiro. Por exemplo, o parón provocado pola final de Mundial, unha interrupción xeral de actividade en liña que chegou a unha taxa de caída do 20% nos principais sectores económicos.
Aí nolo contan os responsábeis da compañía Schibsted Classified Media Spain, que avaliou a evolución das visitas aos seus portais segundamano.es, fotocasa.es, coches.net e Infojobs durante a celebración da partidos clave da Copa Mundial de Fútbol Brasil 2014 (final, semifinais e partidos disputados pola selección española). Todos eles rexistraron un descenso medio do 20% na súa actividade durante a final do Mundial de Fútbol celebrada onte en Brasil entre Alemaña e Arxentina, en comparación co tráfico habitual nestes portais un domingo entre as 21 e as 24 horas.
A caída nas visitas e no seguimento dos sectores de compravenda de artigos de segunda man, inmobiliario, motor e das oportunidades de emprego produciuse tamén, “aínda que de forma moito máis leve”, os días 8 e 9 de xullo, cando se disputaron as semifinais do campionato. A baixada media no número de visitas esas datas foi do 12% (partido Brasil contra Alemaña) e do 7% (semifinal Holanda contra Arxentina), respectivamente.
O estudo, afondando nas implicacións e nos comportamentos dos internautas-seareiros, tamén sinala que os partidos xogados pola selección española provocaron unha meirande caída no tráfico dos portais de anuncios clasificados de SCM Spain, cun descenso medio do 30% durante os días 13, 18 e 23 de xuño, datas nas que o combinado español xogou os seus encontros. En concreto, o descenso máis acusado rexistrouse no portal coches.net, que recibiu un 40% menos de visitas.

PUBLICIDADE