As aplicacións do Machine Learning nos negocios, ao detalle nun curso de Vitae

martes, 8 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

Os prognósticos sinalan que en 2019 falarase máis de Machine Learning, e non só iso, senón que tamén se traballará máis coas tecnoloxías que acompañan este concepto de aprendizaxe máquina. Por outra banda, tamén se fará fincapé nas súas vantaxes para os profesionais e as empresas do sector TIC e do resto dos sectores, agora que xa quedaron claras as súas posibilidades para todo tipo de ámbitos científicos. Facilitarnos o traballo diario co ML e axudarnos a tirarlle proveito é o gran obxectivo dunha das actividades de Vitae Consultores para este ano que comeza, o Curso en Aberto sobre Machine Learning, que se celebra na Coruña os días 15, 16, 22 e 23 de febreiro no Hotel Attica 21. Serán 20 horas de formación para mostrarnos as principais aplicacións do ML e amosarnos como integralas no noso negocio.
Para poñernos en situación, lembrar que se coñece como Machine Learning o ámbito de investigación que se centra en crear programas capaces de xeneralizar comportamentos nas computadoras, é dicir, que fai realidade a aprendizaxe de pautas para rendibilizar e mellorar cousas como sistemas de busca, análise de textos, análise de redes sociais, recoñecemento de obxectos e facianas, procesado do ADN, recoñecemento da fala, analítica de datos médicos ou aplicacións para a intelixencia do negocio. Ademais, alén do seu papel científico, ten moitas potencialidades para os sectores da banca, da medicina, do motor, das vendas ou das telecomunicacións, entre outros moitos.
Segundo explican dende Vitae, os obxectivos deste curso pasan por introducir ao alumnado no mundo do ML para que saiba diferenciar que problemas de negocio son susceptibles de seren resoltos mediante algoritmos de aprendizaxe máquina, e como asociar cada tipo de problema co algoritmo axeitado, e, tamén, como preparar os datos para obter os mellores resultados deses algoritmos. “Todo isto dende un punto de vista práctico, sinxelo e botando man de exemplos reais”.
A persoa encargada de impartir estes contidos será Antonio Soto Rodríguez, enxeñeiro en Informática de Sistemas pola Universidade da Coruña e profesional con máis de dúas décadas de experiencia como consultor técnico experto e certificado, achegando formación na Universidade Microsoft e a empresas e organismos como a NASA, NASDAQ, PEMEX, SERGAS, Citroen, CEAGA, Inditex, Ferroplast, Banco Popular, ABANCA, Xunta de Galicia ou Abertis.