Arteixo Telecom presenta en Madrid a súa tecnoloxía máis avanzada para o transporte ferroviario

martes, 10 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

Consola dual de Arteixo Telecom

A empresa galega Arteixo Telecom, con sede nas Pontes, confirmou a súa presenza no International Rail Forum, xuntanza internacional sobre transporte ferroviario na que a firma que dirixe Rafael Valcarce presentará as súas solucións recentes para este eido, que abranguen todo tipo de servizos e plataformas: equipos para as comunicacións entre trens e centros de control, sistemas de información e lecer para pasaxeiros, acceso a Internet de banda larga en metros e tranvías ou servizos de vixilancia.
De feito, non é casualidade que unha boa parte do achegado no encontro se vaia centrar na potencialidade da tecnoloxía da empresa galega para o ámbito ferroviario. De feito, cómpre lembrar que a compañía é a provedora exclusiva do Sistema de Comunicacións Tren-Terra UIC que emprega Renfe-Adif, un sistema habilitado na empresa ferroviaria dende 1984, cubrindo máis de 9.000 quilómetros e máis de 2.800 unidades móbiles.
A maiores disto, Arteixo Telecom informará na feira empresarial das súas solucións no eido dos sistemas intelixentes de transportes, “solucións que empregan tecnoloxía de última xeración para axudar aos operadores do sector do transporte a ofrecer servizos máis eficaces e seguros”.
Sinalar que International Rail Forum é o principal espazo de encontro de España en materia de transporte por tren. Este ano desenvolverase no pavillón número 14 da Feira de Madrid, IFEMA, entre o 10 e 12 de maio.
Arteixo Telecom estará emprazada na zona de exposición no stand 18. A maiores, intervirá de xeito activo no programa de actividades do congreso, cun relatorio de Manuel Esmorís, director de Enxeñaría para o Negocio Ferroviario da compañía galega. Esmorís falará ao abeiro do panel de Comunicacións, o día 11, a partir das 12.50 horas.

Unha plataforma embarcada da empresa tecnolóxica de A Pontes