AmpliFi Instant permite crear unha rede Wi-Fi mesh en 2 minutos

martes, 9 de outubro do 2018 Marcus Fernández

A cobertura das redes Wi-Fi é un problema frecuente en moitos fogares, polo seu tamaño e distribución, e como grande solución a este problema xurdiron as redes tipo maia, na que os repetidores comunícanse entre si, de xeito que os distintos dispositivos en rede consegue sempre a mellor conexión á Rede posible.
Dentro destas solucións gozan de grande sona as da familia AmpliFi de Ubiquiti Labs, que vén de medrar co novo AmpliFi Instant, un produto que non só promete unha Wi-Fi rápida e estable en todo o fogar, senón que conta como principal virtude o poder configurarse en só 2 minutos, converténdose nunha grande opción para apartamentos e casas que non consigan unha boa conexión sen fíos co router que instala o seu operador de Internet.
O AmpliFi Instant comercialízase cun router solto cun prezo de 99,99 dólares nos EE.UU., e nun lote que inclúe tamén un MeshPoint por 179,99 dólares, converténdose na opción máis asumible desta familia para poder gozar dunha Wi-Fi doméstica baixo a tecnoloxía Wi-Fi AC de dobre banda. O MeshPoint non só amplía a cobertura da Wi-Fi, senón que tamén inclúe un porto Gigabit Ethernet, o que pode resultar práctico para conectar ordenadores de sobremesa ou outros dispositivos que non integren Wi-Fi.
Entre as vantaxes de AmpliFi está a súa aplicación móbil, que facilita a configuración, reporta estatísticas, xestiona o control parental e tamén pode habilitar o acceso para convidados.

Un router AmpliFi Instant e un MeshPoint moitos fogares poden contar xa cunha rede Wi-Fi rápida e con boa cobertura

PUBLICIDADE