Amazon estrea unha versión infantil do seu lector de libros electrónicos

luns, 7 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Dende hai anos dende Amazon entenden a necesidade de comercializar versións das súas tabletas orientadas aos pequenos da casa, de xeito que presentan deseños máis divertidos, proteccións ante un uso pouco coidadoso e incluso garantías para que ante unha rotura accidental non haxa que mercar un dispositivo novo, pero hoxe sorprenderon co feito de que trasladan esta política tamén aos libros electrónicos, de xeito que teriamos o que posiblemente sexa o primeiro eReader do mercado deseñado para un público infantil.
O Kindle Kids Edition é un lector de libros electrónicos que inclúe unha funda de protección propia para os pequenos, 1 ano de Amazon FreeTime Unlimited (servizo que inclúe máis de 20.000 libros, aplicacións, xogos, películas e series de televisión aptos para cativos) e 2 anos de seguro de substitución do dispositivo por un prezo de 109,99 dólares.
Este produto sairá á venda o vindeiro 30 de outubro, e correspóndese a unha versión do Kindle máis básico, cunha pantalla de 6 polgadas cunha definición de 167 puntos por polgada e luz frontal axustable, que ao manter unha autonomía de varias semanas pode ser un produto moi interesante para incitar aos pequenos a ler, xa que a grande vantaxe deste dispositivo é precisamente que non é unha tableta cunha porta aberta ás distraccións.
Haberá que agardar agora para ver se Amazon trae esta liña de produtos a España, xa que actualmente ofréceos en poucos países (principalmente polas necesidades de soporte que precisan tanto o seu hardware como os seus servizos de contido).

PUBLICIDADE