Amazon.es pon prezo e data de lanzamento á Wii U

luns, 16 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Dende Nintendo seguen sen dicir chío no que se refire á data de lanzamento e prezo da súa futura consola de videoxogos doméstica, precisando só que chegará ao mercado antes do Nadal, pero dende Amazon.es atrévense a ir máis aló e abren o proceso de reservas da Wii U, marcando o prezo da consola en 349,99 euros, e comprometéndose a manter o prezo máis barato da consola que figure na súa web para os usuarios que a compren de xeito anticipado. Tamén poñen a data de saída da consola no 21 de decembro, data que dificultaría a venda da consola de cara ao día de Nadal (pero que tampouco sería sorprendente, pois en España os agasallos deste tipo tenden a entregarse en Reis).
Esta aposta de Amazon (que tamén efectuou en Alemaña) non parece moi arriscada, pois non apuntaron á baixa, como os que aseguraban que a consola podería baixar dos 300 euros, o que podería sorprender nunha consola nova, pero non tanto se atendemos aos prezos actuais das consolas de alta definición (será difícil de xustificar a compra dunha nova consola máis cara e cun catálogo de xogos inicial bastante limitado, agás polo feito de que a propia Wii conseguiu arrasar pese a ser a consola doméstica coa peor relación calidade-prezo).
A Wii U será unha consola de alta definición, cunha capacidade gráfica lixeiramente superior á de Xbox 360 ou PlayStation 3, compatible cos xogos e mandos da vella Wii, pero contando tamén cunha especie de tablet que fai tamén de controlador (mestura os botóns e sticks habituais nun gamepad cunha pantalla táctil de 6,2 polgadas), co que pretenden crear novos xeitos de lecer. Entre os xogos que estarán dispoñibles para a nova consola figuran New Super Mario Bros. Mii, Zombi U, Nintendo Land, Assassins Creed III e moitos outros.

PUBLICIDADE