Altia impulsa o novo portal institucional da Comunidad de Madrid

luns, 18 de maio do 2026 S. P.

A Comunidad de Madrid presentou o seu novo portal institucional, unha plataforma renovada en cuxa evolución tecnolóxica, deseño e desenvolvemento integral traballou directamente a empresa galega Altia.
Concretamente, a firma tecnolóxica de Oleiros abordou a renovación completa da experiencia dixital do portal, mellorando tanto a navegación e usabilidade para a cidadanía como a xestión de contidos para os equipos internos.
Ademais, levou a cabo a migración á última versión de Drupal e o desenvolvemento integral da nova plataforma.
O proxecto tamén incluíu un estudo específico orientado ao uso masivo do portal, co obxectivo de optimizar o rendemento e garantir a máxima concorrencia nun dos principais puntos de acceso dixital da Comunidad de Madrid. Como parte desta evolución, Altia integrou os desenvolvementos nunha infraestrutura tecnolóxica máis resiliente e con maior fiabilidade baseada en Openshift. Para isto, a empresa galega contou cun equipo multidisciplinar de máis de dez profesionais expertos en deseño, UI/UX, arquitectura Drupal, tecnoloxías de procura avanzada e integración continua.
Altia tamén amplicou IA nos procesos de desenvolvemento mediante modelos adaptados a este tipo de proxectos e tecnoloxías, “o que nos permitiu optimizar tarefas, axilizar procesos e mellorar a eficiencia nas distintas fases de construción e evolución de plataformas dixitais”, explicou a empresa, lembrando que a colaboración coa Comunidade de Madrid vén de antigo e remóntase a hai máis dunha década de colaboración en proxectos vinculados a portais dixitais e Administración Electrónica. “Durante este tempo, acompañamos a evolución tecnolóxica desde as plataformas anteriores ata a implantación e evolución de Drupal, consolidándonos como un dos socios tecnolóxicos de referencia neste ámbito”, apuntaron fontes de Altia, que, ademais de materializar o portal institucional, liderou iniciativas relacionadas con algúns dos principais portais da Administración madrileña, entre eles a sede electrónica, o BOCM, o Portal de Contratación, o Portal de Transparencia, a Sede Xudicial Electrónica e os máis de 30 portais hospitalarios da rexión.