Afiánzase na Rede a presenza de servizos que nos axudan a atopar os concertos, as viaxes e os festivais ó mellor prezo (e se son pola patilla, mellor)

xoves, 11 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Concerto de balde en Chicago

Internet serve para facer que o mundo sexa tan pouca cousa que até colle pola túa pantalla, pero cómpre ter coidado, porque de 99 voces que se escoitan e mensaxes que se len, só un (como moito) será unha mensaxe desinteresada, persoal, que che mira (por así dicilo) directamente ós ollos. Para entendérmonos: que pasa se facemos en Google unha procura con combinacións de termos como “lecer+barato”, “viaxes+baixo+prezo” ou “produtos+ocasión”? A práctica totalidade dos resultados son, dispensando, borralla. Non serven de nada: enlean ó internauta de mala maneira, mándanlle publicidade que non lle interesa, ofertas que non son tal e, aínda por enriba, déixanlle o computador cheo de lixo. Nos buscadores, en canto escribes a palabra “oferta” convérteste nun imán de pesados, coma se dalgunha maneira redactar ese termo fose a sentenza de morte da nosa busca. Sexa como sexa, e malia este 99,9% de páxinas prosmeiras, queda unha pequena porcentaxe de cousas máis ou menos útiles no que se refire á nosa busca lexítima de lecer a baixo custo e de calidade, de viaxes, libros e actividades culturais que non nos obriguen a solicitar unha hipoteca para adquirilos nin tampouco a perder o noso tempo nesa especie de ascensores atorados entre dous andares que son os buscadores. O que incluímos a continuación non é a mellor escolma posible, pero ben podería valer para non acabar sendo presas da secta. A secta das webs perfectamente inútiles.

www.dameprecio.com

A idea desta web é boa, pero pide a berros un cambio de feitura. Vista así, en frío e sen anestesia, semella unha páxina feita a machada e a présa para ocupar un dominio que resulta interesante para o futuro. Porén, a súa filosofía é interesante e baséase en algo que nos aprenderon as nosas avoas cando íamos con elas de compras: visita a tódolos vendedores que poidas e fica coa mellor oferta. E relea, se che deixan. Deste xeito, terás máis posibilidades de conseguir o prezo máis baixo posible. Nisto consiste esta web, polo menos para o cliente: en aforrar tempo e cartos (asegura que en menos de 72 horas recibiremos diversas ofertas do produto que procuremos directamente dos provedores). Mais tamén ofrece servizos para os mesmos vendedores, que multiplicarán con elas as demandas de clientes, que chegarán a eles de xeito inmediato e (polo menos así consta na mesma páxina) sen intermediarios nin comisións.

www.masbaratonadie.com

Deste servizo xa falamos hai uns meses, pero volvemos á carga. Tendo en conta que hoxe en día unha boa parte dos paquetes de viaxes, entradas para concertos ou obras de teatro ou novidades tecnolóxicas mércanse xa na Rede, resulta salientable que haxa iniciativas orientadas a poñer un pouco de orde nun mercado en liña saturado abondo. E a situación dificilmente empeorará se a devandita iniciativa vai encamiñada só a dar cabida a produtos de prezo razoable para todas aquelas economías que non son coma a de Esperanza Aguirre. Falamos da web Masbaratonadie.com, servizo desenvolvido polo cambadés Marcos Fernández e que (nas súas propias palabras) “vén a ser unha selección das mellores ofertas existentes en Internet e reunidas nunha soa páxina para facilitar as compras ós internautas”. No seu punto de mira está a seguinte gran porción de mercado: a da gran maioría de usuarios de novas canles tecnolóxicas que adoitan a mercar libros, aparellos de tecnoloxía, entradas para concertos e obras de teatro ou mesmo viaxes e non desexan empregar tempo de máis ó día na procura dos produtos máis accesibles para os seus petos. A web é, por así dicilo, unha proposta acabada de chegar. Púxose en marcha o pasado mes de outubro e fica aínda en fase de probas, polo que é moi probable que sexan ben recibidas as suxestións dos usuarios (por certo que aquí vai a de Código Cero: a web pide claramente unha versión en galego).

Segundo datos achegados por Marcos, malia a súa breve “vida”, o servizo recibira xa no mes de novembro máis de 90.000 visitas, “xerando cifras que a sitúan como un dos portais de compras e de meirande proxección”. Cómpre salientar que detrás da páxina non semella haber influencias de tipo comercial-exclusivista que nos fagan pensar que as ofertas aparecen na pantalla non por ser boas e baratas, senón porque así vén estipulado nun contrato de fidelidade total coas firmas subministradoras. É dicir: “Do que se trata é de ofrecer un servizo independente”, sinala Marcos. E engade: “Na sección de billetes de avión, por exemplo, conta cun potente comparador de axencias que lle permite ó visitante asegurarse de que está a facerse coa mellor tarifa. Así, aínda que a web ten asinados convenios coas máis importantes empresas de cada sector, non ten exclusividade con ningunha delas”.

Ademais, a xuízo do responsable desta iniciativa web, a páxina tamén ten unha función normalizadora no emprego empresarial en Galiza das novas tecnoloxías. É dicir, serve para demostrar que é posible sacar adiante proxectos de negocio dende unha terra (a nosa) que moitos (incluso nós) teñen considerado periférica de máis para formar parte activa da Sociedade da Información. Mais a Sociedade da Información, dentro de todos os seus graves defectos, tamén semella permitir e incluso animar a entrada de xogo de proxectos a contrapelo dos das grandes corporacións. E aquí temos un exemplo.

www.viajesmasbaratos.com

Esta web conectará con todos aqueles que mercaron algunha vez un paquete de viaxe dalgunha axencia maioritaria e decidiron mandar á axencia a tomar vento. Falamos polo tanto dos que se preguntaron, sentados nunha hamaca nunha piscina climatizada de Punta Cana ou Cancún, onde carallo andaría o país que supostamente ían visitar. Vale: a web non é nada do outro mundo, pero permítenos comparar as ofertas das axencias e ver cal nos podería saír máis barato. Así relata o webmaster a súa experiencia: “Aprendín a ser un pouco máis cidadán do Mundo e nas viaxes posteriores afasteime das burbullas de artificio dos resort para coñecer e aprender do Mundo con maiúsculas, coas súas miserias e as súas grandes. Sempre respectando”.

blogs.megavuelos.com

Que ninguén se trabuque: esta non é unha bitácora (por así dicilo) desinteresada dende o punto de vista monetario. Forma parte do que poderiamos chamar “os blogs comerciais” (concretamente da empresa Megavuelos.com) onde as iniciativas de negocio se revisten da inmediatez e das maiores posibilidades de diálogo que achegan as bitácoras. Algo así como reunirse cun empresario á hora do almorzo na súa cociña, con croissants e cuncas de café acabado de facer. Se che gusta o que che ofrecen, ben, e se non che gusta deixa o teu comentario e tan amigos (polo menos na teoría). Neste blog os seus redactores –os traballadores de Megavuelos- ofrécenche actividades de lecer “ó mellor prezo” a través de artigos de natureza persoal. Como era de agardar, tratándose dun blog, se lles poden deixar notas ou ben iniciar conversas con eles. Entre os produtos promovidos atopamos concertos, festivais de cine, eventos deportivos, viaxes, aloxamento ou aluguer. Neste senso, o obxectivo do blog é informar “de xeito inmediato das ofertas especiais que fan as empresas”. Sexa como sexa, e se nos centramos no nivel de actividade (baixo baixo) do blog, acontecen dúas cousas: ou ben non hai moito lecer barato (era sabido) ou ben as bitácoras empresariais quéimanse antes cás estritamente persoais.

www.atrapalo.com

Logo do soño vén a realidade. Así comezamos un artigo sobre este servizo web hai un par de anos e con motivo dunha visita dos seus responsables a Santiago. A que viña este comentario? Pois viña a conto porque nos pareceu daquela que Atrapalo.com ben podía representar un novo xeito máis razoable de facer negocios na Rede logo da catástrofe da burbulla das puntocom, onde se montaron centos e centos de empresas na Rede e sen que tivésemos nin idea de en que consistía realmente a Rede. Algo así como conquistar Marte a base de abrir tendas de roupa (para quen?). O caso é que Atrapalo.com fixo as cousas con tino e os seus responsables sabían moi ben a que portas chamar: ás dos que xa non queren pagar máis cifras desorbitadas por ir á opera e logo botar unha soneca. É dicir: se botamos unha soneca, polo menos que sexa barata. Diso se trata, polo tanto, de ofrecer lecer a baixo custo. En realidade, é unha especie de máquina virtual de escolmas de ofertas. Todo ten cabida aquí: entradas de cine, teatro, concertos, reservas en hoteis ou restaurantes. Segundo os responsables da web, a clave do éxito baséase en eliminar todo aquilo que se poda interpoñer entre un produto de calidade e a bo prezo e o cliente. O reclamo viría de coller algo que fixese a meirande cantidade de persoas. Ou sexa, que non conseguiríamos ren se ofertamos unha viaxe con aloxamento en Chernobyl, por moi respectables que sexan estas calidades desta rexión.

www.lastminute.com

Esta web é ideal para todos aqueles que cando van ó cine fan erguer dos seus asentos a toda unha ringleira de persoas comodamente dispostas co seu balde de flocos de millo e o refresco. Non se trata precisamente de ofrecer o máis barato, senón só os produtos que poden estar dispoñibles malia ter pasado un tempo razoable para seren adquiridos. A web naceu como un servizo de viaxes para produtos de última hora e logo diversificouse en todo tipo de actividades e produtos do lecer. O seu éxito radica en terse decatado os seus responsables de que hai máis persoas que nos fan erguer dos asentos no cine das que pensabamos nun principio. Unha raza de individuos que van pola vida cos reloxos atrasados. O manexo da web é doado e é moi difícil perderse. Non é casual que sexa tan doada: os lastminuteiros serían quen de deixala operación para o día seguinte!!!

www.diariodelviajero.com

Outro caderno comercial revestido de notas a pe do camiño, consellos, tendencias. Iso si: os seus responsables van coa verdade por diante e dende o principio che fan saber que se trata dun asunto comercial e que non están aí só por facerche un favor dado o ben que lle caes. É un blog colectivo e empresarial, froito deste novo costume de expresarte incluíndo unha ou dúas tallas máis para as medras. Ou sexa: marxe para os comentarios dos internautas. O bo talante está presente en todo o caderno, e o equipo de redactores até se atreve a animarnos para que lles turremos das orellas se meten a pata. Como o seu propio nome indica, é un servizo especialmente orientado para cus sen asento. Detrás do proxecto está a factoría Weblogs tratando de ofrecer cousas interesantes e a prezos máis ou menos razoables.

PUBLICIDADE