Adeus ao DicionarioGalego de GalApps
luns, 17 de xuño do 2013
Ás poucas horas de estrearse en marzo de 2012 o dicionario
da Real Academia Galega (RAG) a través da páxina web da entidade, a xente de
GalApps adaptou a súa aplicación móbil de dicionario de galego para que
consultase tal fonte oficial para amosar os resultados das súas consultas,
convertendo o DicionarioGalego nunha aplicación imprescindible tanto para iOS como
para Android, pero coa última actualización da páxina web da RAG e a estrea dunha
aplicación móbil oficial do seu dicionario, a ferramenta desenvolvida de
xeito altruísta por GalApps deixou de operar, e ante a falta de recursos para
arranxala decidiron suspender o desenvolvemento
da aplicación, retirándoa das tendas de descargas en liña.
Dende
GalApps láianse da pouca colaboración da RAG, e lamentan que desboten
cartos e esforzo desenvolvendo unha aplicación que duplica as funcionalidades
doutra xa existente, no que consideran que é unha dilapidación de cartos
públicos.
Aproveitan o adeus desta valiosa ferramenta para facer reconto do que conseguiu
como desenvolvemento independente: máis de 30.000 descargas, unha valoración media
dun 4,7 de 5 con máis de 150 valoracións e chegar á listaxe das 100 primeiras
aplicacións a nivel estatal cunha aplicación galega.