Acer presenta un novo tablet con Android

venres, 2 de decembro do 2011 Marcus Fernández

Acer anuncia un novo tablet, o ICONIA TAB A200, que promete se ideal para xogar, ler libros electrónicos, reproducir películas, acceder ás redes sociais... para o que funciona co sistema operativo Android 3.2 que en xaneiro poderase actualizar a Android 4.0, polo que estaría á última no que a software se refire. No tocante ao seu hardware, conta cunha pantalla multi-táctil de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles e un potente procesador nVIDIA Tegra 2 de dobre núcleo a 1 GHz, 1 Gb de RAM, un porto USB de tamaño completo, lector de tarxetas microSD, cámara de 2 Mpíxeles e carcasas de cores atractivas (venderase en gris ou vermello).

JPEG - 32.2 KB
O Acer ICONIA TAB A200 incluirá a interface de uso Acer Ring

Este equipo estará dispoñible con 8 ou 16 Gb de almacenamento interno, mide 260 x 175 x 12,4 milímetros, pesa 720 gramos e conta cunha batería de 3.260 mAh que permitiría a reprodución de ata 8 horas de vídeo.
Cómpre destacar que Acer instala no seu equipo unha capa de personalización da interface de uso chamada Acer Ring, que pretende mellorar a multi-tarefa creando un acceso doado ás aplicacións dende calquera pantalla (solución de software que Acer xa amosara nun tablet con MeeGo que presentara no Computex e que finalmente non verá a luz).


Repaso en vídeo das prestacións do Acer ICONIA TAB A200

PUBLICIDADE