Acer presenta novos portátiles para xogadores esixentes

venres, 28 de abril do 2017 Marcus Fernández

Esta semana Acer realizou unha presentación global dende New York na que deu a coñecer moitos dos seus futuros produtos e tecnoloxías, entre os que destacou un ordenador portátil orientado a xogadores, que tira proveito das últimas prestacións de Windows 10 Creator Update e consegue unha grande potencia cun deseño delgado.
O Predator Triton 700 é un ordenador con pantalla IPS Full HD de 15,6 polgadas cun chasis de aluminio que ten un grosor de 18,9 milímetros e un peso de 2,6 quilogramos, volume e peso moi contido para un equipo coa súa configuración, xa que no seu interior acolle un procesador Intel de sétima xeración, até 32 GB de RAM DDR4, unha gráfica nVIDIA GeForce GTX da serie 10, unidade SSD PCIe de alta velocidade e Thunderbolt 3.
Este equipo é o primeiro da serie Predator Trition, que caracterizarase polo seu deseño delgado, sorprendendo por ter situado o seu touchpad sobre o teclado, contando cun deseño de grandes dimensións e en vidro, de xeito que serve tamén de fiestra para o sistema de refrixeración do equipo.
O novo portátil de Acer é capaz de manexar por Thunderbolt 3 até 2 monitores externos 4K á vez, integra a tecnoloxía Acer TrueHarmony para ofrecer un son de grande calidade, inclúe o software PredatorSense para facilitar o seu control (monitorizando o sistema, axustando a configuración e incluso definindo atallos de teclado), e tamén conta con 2 portos USB 3.0, un porto USB 2.0, saída HDMI 2.0 e DisplayPort e Gigabit Ethernet. Sairá á venda no mes de agosto, pero por desgraza este portento tecnolóxico non será precisamente asumible, partindo o seu prezo dos 3.399 euros.


Para usuarios cun orzamento máis modesto sairá simultaneamente o Predator Helios 300, cun prezo que parte dos 1.199 euros, que contará cunhas prestacións moi elevadas, pero un deseño menos delgado e transportable. Este equipo chegará con pantallas IPS Full HD de 15,6/17,3 polgadas, procesador Intel Core i5/i7, 16/32 GB de RAM, gráfica nVIDIA GeForce GTX 1060/1050Ti, SSD ou disco duro, 1 porto USB-C, outro USB 3.0, 2 portos USB 2.0 e un HDMI 2.0. O equipo non só terá un prezo máis acorde ao que estamos afeitos, senón que tamén o seu deseño será máis tradicional, co touchpad situado baixo o teclado, polo que ofrécese como un produto máis funcional e menos enfocado aos hardcore gamers.

PUBLICIDADE