Ábrese camiño na nosa terra o acceso Wi-Fi para usuarios de autobuses

venres, 11 de xaneiro do 2008 Fernando Sarasketa

Devagar, a vida vaise vinculando á Rede e o primeiro que semella establecer ligazóns máis fortes son aqueles lugares e circunstancias onde máis posibilidades de lecer temos, ou, dito doutro xeito, onde máis opcións nos saen ó paso de evadírmonos da realidade que nos rodea. Isto é así nalgúns lugares públicos e, polo tanto, comeza a selo naqueles espazos onde a vida vai máis amodo e ficamos á espera de algo. Un exemplo é a posta en marcha de Internet sen fíos e de balde na estación de autobuses da Coruña. E tamén (aínda que dende o privado) en determinadas liñas de vehículos da empresa Arriva en Galiza.
Da primeira iniciativa atopamos información abonda na web do Concello e nela (entre outras cousas) dásenos conta da natureza da tecnoloxía habilitada: trátase dunha infraestrutura de conexión á Internet sen fíos, completamente de balde e accesible dende calquera recanto do interior da estación para todos os viaxeiros e viaxeiras que carrexen un ordenador portátil ou dispositivos móbiles con ligazóns coa Rede. Amais, o servizo ficará operativo tamén para os concesionarios e as empresas que fan o seu labor no dito recinto. A iniciativa foi presentada onte por Obdulia Taboadela (na imaxe, obtida da web do Concello da Coruña), concelleira delegada da área de Interior. Segundo indicou na posta en marcha oficial do acceso sen fíos, existe a intención firme de engadir en breve máis puntos públicos de conexión.
Polo que respecta ó proxecto da empresa Arriva, do que dá conta hoxe A Voz, dicir que a idea da compañía de transportes de viaxeiros é promover a ruta de Ferrol-A Coruña con medidas como –por exemplo- a inclusión de tecnoloxía sen fíos. A posta en marcha desta tecnoloxía, que seguiría o ronsel de iniciativas previas en Reino Unido (país do que é orixinaria a empresa), fará posible o acceso a Internet sen fíos durante a totalidade do traxecto entre unha cidade outra. Segundo sinala A Voz de Galicia, elixiuse esta ruta en concreto para a habilitación da conexión Wi-Fi debido a que é unha das que máis viaxeiros rexistra na nosa terra: arredor de 20.000 persoas cada mes.